A Xunta realiza actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do Rego das Laxes, no concello de Teo

Os traballos estanse a desenvolver neste río ao seu paso pola parroquia de San Xoán de Recesende

Santiago de Compostela, 2 de abril de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, executa actuacións de conservación e limpeza nos treitos interurbanos do Rego das Laxes, no concello de Teo.

Estes traballos estanse a desenvolver no citado río ao seu paso pola parroquia de San Xoán de Recesende, concretamente no lugar de Vilanova.

As tarefas céntranse na retirada de árbores e pólas caídas na canle, así como madeira morta para evitar atoamentos. Unha vez finalizadas estas actuacións, o río quedará despexado de maleza, posibilitando así a circulación fluída das súas augas.

Augas de Galicia desenvolve estas accións no marco do programa de mantemento, conservación e mellora do dominio público hidráulico das bacías de Galicia-Costa, no ámbito territorial Galicia-Centro e as súas zonas de acceso e protección.

Este tipo de traballos permite a mellora dos leitos fluviais para acadar condicións naturais do ecosistema que favorezan os aspectos medioambientais e de uso social na contorna do río.