A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09,00 h de hoxe

Decretada a Situación 2 como medida preventiva no incendio rexistrado no concello de Folgoso do Courel, parroquia de Meiraos, por proximidade do lume ao lugar de Portela, parroquia de Gundriz, do concello limítrofe de Samos

Neste lume de Folgoso do Courel, a superficie afectada estimada supera as 100 hectáreas

Activo un lume no municipio de Cerdedo-Cotobade, parroquia de San Xurxo de Sacos, que supera as 40 hectáreas

Activo un incendio no municipio de Rodeiro, parroquia de Pedroso, que afecta unha superficie de 40 hectáreas

Controlado o lume no concello de Monforte de Lemos, parroquia de Marcelle, que afecta 38 hectáreas

Extinguido o incendio rexistrado en Calvos de Randín, parroquia de Randín, que afectou 0,8 hectáreas do Parque Natural Baixa Limia-Serra do Xurés

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2021

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 09,00 h. de hoxe.

ACTIVOS

Folgoso do Courel

Activada a Situación 2 como medida preventiva no incendio rexistrado no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia de Meiraos, debido á proximidade do lume ao lugar de Portela, parroquia de Gundriz, no concello limítrofe de Samos. O lume iniciouse ás 23,43 h. da pasada noite e permanece activo arestora. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada supera as 100 hectáreas. No lugar traballan 2 axentes, 8 brigadas, 4 motobombas e 1 pa.

Cerdedo-Cotobade

Activo un lume no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade, parroquia de San Xurxo de Sacos tras comezar ás 23,56 h. da pasada noite. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada supera as 40 hectáreas. No seu control están participando 4 axentes, 5 brigadas e 3 motobombas.

Rodeiro

Tamén está activo o lume rexistrado no concello pontevedrés de Rodeiro, parroquia de Pedroso, tras comezar ás 23,40 h. da pasada noite. Segundo as últimas medicións, a superficie afectada supera as 40 hectáreas. No lugar traballan no seu control 1 técnico, 2 axentes, 3 brigadas e 3 motobombas.


CONTROLADOS

Monforte de Lemos

Controlado ás 5,50 h. desta madrugada o lume rexistrado no concello lugués de Monforte de Lemos, parroquia de Marcelle, tras comezar onte ás 13,53 h. Tras unha nova medición, a superficie afectada é de 38 hectáreas, das cales 30 son arboradas e 8 de monte raso. Na súa extinción levan participado 1 técnico, 6 axentes, 15 brigadas, 7 motobombas, 1 pa, 7 helicópteros e 4 avións.

EXTINGUIDOS

Calvos de Randín

O lume rexistrado con catro focos no concello de Calvos de Randín, parroquia de Randín, quedou extinguido ás 23,58 h. da pasada noite, tras comezar ás 21,20h. Segundo as últimas estimacións, a superficie afectada foi de 0,8 hectáreas dentro do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, das cales 0,1 foron arboradas e 0,7 de monte raso. Neste lume participaron 2 axentes, 3 brigadas e 3 motobombas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural