Activo un incendio forestal no concello lugués de Monforte de Lemos, parroquia de Marcelle

Segundo as primeiras estimacións, a superficie afectada supera as 20 hectáreas

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021

A Consellería do Medio Rural informa dun incendio forestal activo no concello lugués de Monforte de Lemos, parroquia de Marcelle.

O lume iniciouse ás 13,53 h. deste mediodía e segundo as primeiras estimacións afecta unha superficie de máis de 20 hectáreas. No seu control traballan 1 técnico, 3 axentes, 7 brigadas, 3 motobombas, 4 helicópteros e 4 avións.

Durante as tarefas de extinción, un avión de carga en terra sufriu un rebentón nunha roda mentres se dispoñía a respostar auga na base de Doade. Está a ser reparado e en breve estará operativo.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.
 

Departamento:
C. do Medio Rural