No día de hoxe asinouse a acta de recepción das obras da pasarela que conecta a nova estación de autobuses coa estación ferroviaria e une o Hórreo con Pontepedriña

A Xunta culmina as obras da primeira fase da Estación Intermodal de Santiago co remate das obras da pasarela

A Axencia Galega de Infraestruturas executou as obras da estación de autobuses e da pasarela da estación intermodal, cun investimento total de 16M€ dos cales a Xunta achegou 12

A pasarela peonil, cunha altura media de 5 metros, destaca pola súa cuberta con lucernarios e pola fachada con deseño translucido

A estrutura foi cofinanciada polo Goberno galego, o Concello de Santiago e o Ministerio de Transportes, a través de Adif

A posta en servizo da estación de autobuses e da pasarela está pendente da formalización por parte do Concello de Santiago dos contratos dos servizos necesarios, como limpeza, seguridade ou información

Para completar a estación intermodal é necesario que o Ministerio de Transportes elimine a cláusula dos 3,5 millóns de viaxeiros e acometa as obras da parte ferroviaria, imprescindibles para a cidade e o seu futuro

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia culminou hoxe as obras da primeira fase da estación intermodal de Santiago co remate das obras da pasarela peonil que integra este complexo de transporte público.

No día de hoxe asinouse a acta de recepción das obras desta pasarela peonil, que conecta a nova terminal de autobuses de Santiago coa estación de tren e que funcionará, ademais, como unha nova rúa entre o Hórreo e Pontepedriña, superando a barreira histórica entre dous barrios da cidade, separados polas vías do tren.

A pasarela está formada por 3 zonas representativas, unha cara á cidade, outra que é zona central sobre vías e andéns, e a zona da estación de autobuses.

Destacan na súa estrutura, a plataforma de formigón e a estrutura metálica porticada. A pasarela ten un ancho que varía entre os 8 e 12 metros, unha altura media de 5 metros e unha lonxitude de vanos que vai dende os 8, aos 12 e 16 metros. É salientable a cuberta con lucernarios e a fachada con deseño translucido.

O remate das dúas intervencións da Xunta permite que a terminal de autobuses, que engloba o edificio de viaxeiros e as dársenas, inicie a súa explotación integrada na estación intermodal. Deste xeito, o traslado da actividade á nova terminal queda pendente só da formalización por parte do Concello de Santiago dos contratos dos servizos necesarios para o seu correcto funcionamento, como limpeza, seguridade ou información.

A Axencia Galega de Infraestruturas foi a responsable de executar as obras tanto da estación de autobuses como da pasarela. Ambas as dúas actuacións supuxeron un investimento total de 16 millóns de euros, dos cales o Goberno galego achegou de 12 millóns.

O proxecto está cofinanciado pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Completada a primeira fase da nova estación intermodal executada pola Xunta, a mesma transformará o acceso ao transporte público na cidade e en toda a área de Santiago, fomentando o seu uso e facilitando un intercambio áxil e seguro entre os distintos modos.

A posta en servizo da pasarela e a estación queda agora á espera de que o Concello de Santiago formalice os contratos necesarios para a súa posta en funcionamento, tales como a limpeza, a seguridade ou a información.

Ademais, para completar a estación intermodal de Santiago é preciso que o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana elimine a cláusula dos 3,5 millóns de viaxeiros é acometa as obras da parte ferroviaria, imprescindibles para a cidade e o seu futuro, unha vez que a Xunta cumpriu cos seus compromisos.