A Xunta avanza que se intensificará nesta Semana Santa a vixiancia para controlar as medidas de prevención ante a covid-19

O vicepresidente primeiro, Alfonso Rueda, participou hoxe na reunión da Sala de Control de Operativos (SACOP) para coordinar nestes días as actuacións das forzas e corpos de seguridade

Alfonso Rueda destacou a implicación dos efectivos para velar polo cumprimento das normas vixentes e evitar condutas irresponsables e apelou ao sentidiño e á responsabilidade individual para evitar contaxios

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, participou esta mañá na reunión semanal da Sala de Control de Operativos (SACOP) entre a Xunta e representantes das forzas e corpos de seguridade e efectivos de emerxencias para coordinar o control das medidas de prevención ante a covid-19 nestes días de Semana Santa, durante os que se van a redobrar os dispositivos.

Na xuntanza tamén participou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para explicar a situación sanitaria, ademais do director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo; o comisario xefe da Policía Autonómica, Jorge Rubal; así como responsables da Policía Nacional en Galicia, da Garda Civil e dos servizos de emerxencias.

O obxectivo do encontro foi coordinar os esforzos nestes días centrais de Semana Santa para controlar o cumprimento das medidas de prevención ante a covid-19, tales como o peche perimetral da comunidade, o toque de queda, os aforos nos establecementos abertos ao público, o uso obrigatorio de máscara e demais medidas e restricións vixentes adoptadas polas autoridades sanitarias para frear a propagación do virus.

O vicepresidente primeiro da Xunta agradeceu “a implicación e o traballo” dos efectivos desde o inicio da pandemia e, en especial desde que comezou esta desescalada, “para garantir o cumprimento das normas cunha presencia constante e actuando cando se producen infraccións”. Estas actuacións lévanse a cabo no marco dunha colaboración fluída a través do SACOP, o órgano específico creado precisamente para a coordinación das forzas de seguridade e os servizos de emerxencia na loita contra a covid-19.

Destacou que a vixilancia e unha maior presenza policial nestes días é fundamental para velar polo cumprimento das normas e detectar comportamentos irresponsables. Ademais, apelou á responsabilidade individual e ao “sentidiño” como “o mellor xeito para previr contaxios e a maior garantía do cumprimento colectivo”. Polo tanto, avogou por evitar condutas que poñen en perigo a saúde de todos e advertiu de que serán denunciadas e sancionadas.

Imaxes relacionadas