O DOG publica hoxe a encomenda do Servizo Galego de Saúde, na que se inclúe a adxudicación e execución do contrato de servizo de redacción dos documentos técnicos e a tramitación urbanística e ambiental do novo hospital público da Coruña

A Axencia Galega de Infraestruturas asume a xestión das seguintes fases do Novo CHUAC, que suporá un investimento global da Xunta de máis de 431 M€

O departamento de Infraestruturas ten en marcha a contratación dos traballos, licitados por 7,6 millóns, e ao que se presentaron 7 ofertas de distintas empresas

Trátase de seguir mellorando a sanidade pública na área da Coruña, estar preparados para adaptarse aos cambios asistenciais e tecnolóxicos e atender as demandas dos profesionais, pacientes e colectivos.

Dobrarase a superficie construída ata os 225.000 m², cun incremento do 108% de salas e postos de urxencias, do 50% de consultas e postos de observación de urxencias e cun 15% máis de camas e un 50% de habitacións individuais

Habilitaranse novas zonas de aparcadoiro, 30.000 m² e 2.600 prazas ordenadas e seguras, e executaranse as vías necesarias para dotar o complexo hospitalario público dos accesos axeitados

A construción do ‘Novo Chuac’ está xa en marcha coas obras en execución da ‘Fase 0’ que, cun investimento de 13M€, permitirá ampliar as urxencias e os hospitais de día, entre outras melloras
 

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021

A Axencia Galega de Infraestruturas, asume a xestión das seguintes fases do novo hospital público da Coruña, Novo CHUAC, que suporá un investimento global da Xunta de máis de 431 millóns de euros.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio da Consellería de Sanidade, no que se dá publicidade á resolución do Servizo Galego de Saúde, desta encomenda ao departamento da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, para a xestión das actuacións para a adxudicación e execución do contrato de servizo de redacción dos documentos técnicos e a tramitación urbanística e ambiental do novo CHUAC. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://xurl.es/c2yxv

A Axencia Galega de Infraestruturas ten en marca o proceso de contratación dos documentos técnicos e a tramitación urbanística e ambiental que permitirán iniciar as seguintes fase do Novo CHUAC en 24 meses. Para a execución dos traballos, licitados en decembro do pasado ano por 7,6 millóns, presentáronse 7 ofertas de distintas empresas, e a previsión e poder adxudicar os mesmos nesta primavera.

Máis concretamente, o contrato consistirá na elaboración do proxecto urbanístico e ambiental, na redacción dos anteproxectos e dos proxectos básicos e de execución, do proxecto de construción de viario e accesos, dos proxectos de demolición e na dirección, control e vixilancia das obras nas súas distintas fases.

O obxectivo da Xunta é seguir mellorando a sanidade pública na área da Coruña, estar preparados para adaptarse aos cambios asistenciais e tecnolóxicos e atender as demandas dos profesionais, pacientes e colectivos.

O Novo CHUAC é un dos proxectos prioritarios que está a impulsar a Xunta no conxunto de Galicia e o máis importante que se está a desenvolver na área da Coruña. Esta nova infraestrutura sanitaria dobrara a superficie construída, ata acadar os 225.000 metros cadrados de superficie. Isto supón o incremento do 108% de salas e postos de urxencias, o incremento do 50% de consultas e postos de observación de Urxencias e cun 15% máis de camas dispoñibles e un 50% de habitacións individuais.

Habilitaranse novas zonas de aparcadoiro á disposición dos traballadores e usuarios, 30.000 metros cadrados e 2.600 prazas, ordenadas e seguras, das cales se reservarán o 3% para persoas con discapacidade.

Para o desenvolvemento dos traballos, o contrato prevé que se deseñen os proxectos técnicos de tal forma que sexa posible poñer en funcionamento por fases diferentes unidades de obra, de xeito que se poida ir mellorando e ampliando servizos o antes posible.

Nos proxectos terase especialmente en conta a integración paisaxística, para que o Novo CHUAC sexa unha referencia arquitectónica na cidade, así como outros aspectos como a eficiencia enerxética, a depuración de augas para paliar a concentración de medicamentos, a accesibilidade, a funcionalidade da asistencia sanitaria e os materiais e subministro de proximidade ou de “quilómetro 0”.


Fase 0 en execución

Cómpre lembrar, neste sentido, que a Fase 0, que suporá un investimento de máis de 13 millóns de euros, está xa en obras, arrincando oficialmente en xaneiro deste ano tras outorgar o Concello a licenza municipal correspondente. A Fase 0 suporá a ampliación das áreas dos servizos de urxencias, a creación de novos hospitais de día e tamén novos espazos destinados a farmacia.