O 061 de Galicia pídelles aos condutores precaución durante os desprazamentos nas datas festivas da Semana Santa

Cando se produce un accidente de tráfico a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade, facilitando ao 061 toda a información relevante e seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación

Durante a Semana Santa do ano 2019, o 061 de Galicia asistiu a 67 persoas, dúas das cales faleceron no punto do accidente
 

Santiago de Compostela, mércores, 31 de marzo de 2021

Urxencias Sanitarias de Galicia-061, servizo que coordina e xestiona as urxencias e emerxencias sanitarias na Comunidade galega, pídelles aos condutores precaución nas estradas ante o inicio, mañá xoves, das vacacións de Semana Santa e ata o vindeiro domingo 4 de abril.

Cando se produce un accidente de tráfico a persoa que se atopa no lugar do sinistro pode ser de grande utilidade. En primeiro lugar, facilitando ao 061 toda a información relevante, e en segundo, seguindo as indicacións transmitidas polo persoal sanitario da Central de Coordinación do 061 de Galicia ata a chegada dos recursos especializados.

Antes de auxiliar nun sinistro de tráfico debe tratar de aparcar o coche nun sitio seguro, afastado do accidente, e prender as luces de emerxencia. Deberá poñer roupa reflectora ou rechamante, pero nunca escura. Ademais, sinalizará o accidente 50 metros, como mínimo, antes e despois do lugar no que ocorreu.

Outra das medidas que se deberán realizar será apagar as luces e retirar as chaves do vehículo sinistrado e considerar a existencia de perigos engadidos, como pode ser o desprendemento de gases, incendios, cables eléctricos, entre outros.

O que non se debe facer nunca é poñer en perigo a propia vida. Para iso, antes de atender os accidentados, hai que adoptar as medidas de seguridade axeitadas, para evitar novos accidentes. Igualmente, e salvo que haxa perigo de incendio ou novas colisións, non se debe mover a ningún ferido, xa que poderían agravarse as súas lesións.

Balance Semana Santa 2019

Urxencias Sanitarias de Galicia-061 asistiu durante a Semana Santa de 2019 a 67 persoas debido a 56 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas. O período contabilizado comprende dende as 15:00 horas do mércores, 18 de abril, ata as 23:59 horas do domingo, 21 de abril de 2019. O maior número de atencións por sinistros rexistráronse o sábado con 21 accidentes.

A Central de Coordinación do 061, que xestiona e coordina os servizos prehospitalarios en casos de urxencia e emerxencia en toda Galicia, recibiu nestes días 66 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 56 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon a un total de 67 persoas. A proporción de homes e mulleres atendidos foi do 65 e do 35 % respectivamente. Nas idades dos feridos, obsérvase que o 24 % dos atendidos tiña entre os 25 e os 39 anos.

Por provincias, foron Pontevedra e A Coruña as que rexistraron máis accidentes con 19 sinistros de tráfico ambas as dúas durante os desprazamentos destas datas.


En 50 casos os feridos foron trasladados aos centros hospitalarios correspondentes, 12 persoas foron asistidas no lugar do sinistro e dúas persoas faleceron no lugar do accidente.