Galicia pecha o ano 2020 cun diferencial de débeda coa media autonómica de 7,2 puntos e mantén o máximo histórico

Os datos oficiais do Banco de España volven situar a Galicia como a 3ª comunidade de réxime común con menor endebedamento de España

Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008

Con esta evolución a Comunidade galega está en mellor situación para seguir loitando contra a pandemia e impulsar a reactivación económica
 

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021

Galicia pechou o ano 2020 cun diferencial de débeda coa media autonómica de 7,2 puntos, mantendo así o máximo da serie histórica, tal e como mostran os datos de débeda segundo o Protocolo de Déficit Excesivo (PDE) publicados hoxe polo Banco de España. Ademais, o organismo regulador volve situar á Comunidade Autónoma de Galicia como a terceira de réxime común con menor endebedamento de toda España.


En concreto, a ratio de débeda/PIB de Galicia subiu case un punto con respecto ao terceiro trimestre do ano para facer fronte ás necesidades extraordinarias derivadas da pandemia, e situouse no 19,9% ao peche do cuarto trimestre. Galicia mantén o diferencial coa media autonómica, que é 7,2 puntos inferior á media de comunidades (27,1%) e só superior ao de dúas comunidades autónomas de réxime común, Canarias e Madrid.

Comunidade menos endebedada

En canto á evolución do volume de débeda, os datos do Banco de España indican que a débeda do conxunto das comunidades autónomas situouse nos 303.622 millóns de euros, dos cales o 3,8% -11.538 millóns- se corresponden coa Comunidade Autónoma de Galicia.

O Banco de España ratifica ademais que Galicia é a comunidade autónoma con menor aumento de volume de débeda desde o ano 2008, exercicio no que comezou a tendencia ascendente na evolución do endebedamento no conxunto das administracións públicas de España, incluídas as comunidades autónomas.

A redución do endebedamento nos últimos exercicios fai que Galicia estea nunha mellor posición financeira para responder ás esixencias económicas derivadas dos efectos negativos do coronavirus e para poder seguir combatendo a pandemia, impulsar a reactivación económica e atender as necesidades das familias, pemes e autónomos.

Emisión de débeda

Por outra banda, o Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe unha emisión de débeda por importe de 30 millóns de euros, cun tipo de xuro cero e cunha rendibilidade negativa. Hai que lembrar que Galicia volveu aos mercados no ano 2019 pola mellora das condicións que estes ofrecen e porque non tivo que acollerse aos mecanismos de axuda do Estado.
 

 

RATIO DE DÉBEDA/PIB POR CCAA
*CC.AA. de Réxime Foral
 
 
 

4ºT
2020

1
Canarias
15,1
2
Madrid
16,0
3
País Vasco*
16,1
4
Navarra*
19,1
5
GALICIA
19,9
6
La Rioja
20,7
7
Asturias
20,8
8
Castilla y León
24,0
9
Andalucía
24,1
10
Aragón
25,5
11
Cantabria
26,2
12
Extremadura
26,3
 
TOTAL CCAA
27,1
13
Baleares
29,9
14
Murcia
34,9
15
Cataluña
37,1
16
Castilla-La Mancha
39,7
17
Comunidad Valenciana
48,6

Imaxes relacionadas