A Xunta intervirá este ano nun total de 300 concellos a través do Plan de loita contra a vespa velutina acordado coa Fegamp

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destacou hoxe no Parlamento galego que o 96% dos municipios galegos están adheridos a este plan ao sumarse 15 novos aos 285 do ano pasado

O Goberno galego renovou a encomenda a Seaga para a retirada de niños desta especie co obxectivo de ofrecer unha resposta homoxénea nas zonas afectadas

O prazo de actuación por parte do equipo de intervención de Seaga manterase nos 5 días hábiles desde que se recibe o aviso

Natalia Prieto destaca a importancia de que os cidadáns informen ao 012 cando detecten a presenza dun niño e lembra que a Xunta mantivo a atención dos avisos e o servizo o ano pasado durante o estado de alarma pola covid-19

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021

A directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto, destacou hoxe no Parlamento galego que o programa galego de vixilancia e control fronte á vespa velutina acordado entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) inclúe para este ano á practica totalidade dos concellos galegos. A Xunta renovou, cun investimento de 1,7 millóns de euros, a encomenda á empresa pública Seaga da retirada e destrucións dos niños desta especie, de xeito que o Goberno galego intervirá en 300 concellos. Supoñen o 96% dos municipios galegos, entre os 285 que xa se uniran en 2020 e aos que agora se suman outros 15 máis.

Natalia Prieto destacou que a Xunta leva traballando desde 2014 nun programa de vixilancia e control para minimizar o impacto da vespa asiática na comunidade e, ante o incremento de niños, o ano pasado o Goberno galego e a Fegamp acordaron redobrar esforzos e concentrar recursos cunha solución centralizada, homoxénea nas zonas afectadas e coordinada cos concellos.

A empresa contará tamén este ano cun equipo de coordinación que organizará aos equipos de intervención, dotados con todo o material necesario para a realización das actividades en condicións de seguridade (EPIs, pértegas, escopetas, marcadoras, insecticida, transporte, material informático...). De feito, o ano pasado a Xunta xa investiu 55.000 euros na adquisición de novo equipamento. En concreto, na dotación de novas marcadoras de aire comprimido de gran alcance, pértegas de fibra de carbono máis lixeiras e bombas de batería para a impulsión de biocida coas que axilizar a neutralización dos niños.

O prazo máximo seguirá sendo de 5 días hábiles desde que se recibe o aviso no Teléfono de Información e Atención á Cidadanía 012, salvo nos niños de difícil acceso ou que requiran actuacións complementarias ou permisos. Ademais, cando os avisos se corresponden cunha urxencia ou se tipifican de risco especial por atoparse no interior de vivendas ou lugares concorridos derívanse aos servizos de emerxencias a través 112. Así, Seaga colaborou o ano pasado co 112 atendendo un total de 560 avisos asignados inicialmente como emerxencias.

A directora xeral de Administración Local lembrou durante a súa intervención a importancia da colaboración da cidadanía, sobre todo nesta época de maior proliferación da vespa velutina. Por iso, sinalou a necesidade de que cando os cidadáns detecten e localicen un destes niños informen ao servizo do 012 no que se reciben os avisos sobre a presenza de niños de vespa velutina. Cómpre destacar tamén que a Xunta mantivo a atención dos avisos no teléfono 012 e mantivo o servizo durante a crise sanitaria da covid-19 garantindo a protección e a seguridade dos efectivos de Seaga.

Natalia Prieto fixo tamén balance das actuacións realizadas o ano pasado por parte dos 80 efectivos operativos de Seaga, con máis de 16.700 niños retirados: 8.640 deles na provincia da Coruña, máis de 2.000 na de Lugo, máis de 1.300 en Ourense e case 5.000 na de Pontevedra. Ademais, por parte da Consellería do Medio Rural repartíronse máis de 15.100 trampas e líquido atraente a máis de 4.000 apicultores.

Imaxes relacionadas