Contos, obradoiros e exposicións enchen abril de actividade na Biblioteca da Xunta en Ourense

O delegado territorial da Xunta visitou esta mañá a Biblioteca Pública Nós para ultimar coa súa directora as actividades que se desenvolverán no mes de abril

Co gallo da celebración do Día do libro, haberá un encontro co escritor Antón Riveiro Coello sobre o seu último libro, ‘O paraíso dos inocentes’
 

Ourense, 31 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, visitou esta mañá a Biblioteca Pública de Ourense Nós, xestionada pola Xunta, para ultimar coa súa directora, Rosa María Díaz, as actividades que se desenvolverán no mes de abril dirixidas a usuarios de todas as idades, con contacontos, obradoiros e exposicións.

Gabriel Alén sinalou que haberá tamén unha programación específica conmemorativa do Día do libro infantil e xuvenil e do Día do libro; e que a axenda completa do mes pode consultarse na web da biblioteca.

Así, a cativada de 4 a 7 anos poderá participar na actividade de animación á lectura Contiños con Susana, que se vén desenvolvendo todos os martes ás 18,00 h. Nese mesmo horario ten lugar o programa de obradoiros Xoves creadores, dirixidos á rapazada de 6 a 12 anos e con sesións de temáticas diversas.

En abril, a primeira sesión será o día 8, e os participantes aprenderán a elaborar xoguetes con elementos da natureza, como se facía antigamente no rural. O día 15 terá lugar o obradoiro Fiando palabras, no que se creará unha peza de tecido cos teares do museo, e o 22, haberá un contacontos centrado en historias tradicionais, principalmente de Ourense ou con mulleres como protagonistas. Finalmente, o día 29, desenvolverase Mosaicos romanos, unha achega ao mundo romano que culminará coa elaboración conxunta dun mosaico.

A isto súmaselle o obradoiro de cómic que se desenvolve todos os sábados alternos para a rapazada a partir de 12 anos e os diversos clubs da biblioteca para maiores de 16 anos sobre arte, lectura, lectura en galego e un coloquio en inglés. A programación para o público adulto inclúe tamén un obradoiro de fotografía todos os sábados, de 12,00 a 13,30 h.

Actos conmemorativos

Co gallo da celebración do Día do libro infantil e xuvenil, o 2 de abril, o andar baixo da biblioteca acollerá ata finais de abril unha exposición sobre O principiño, con exemplares en distintas linguas e formatos desta obra universal e con obxectos comercializados arredor dela. Como peche, o día 21 desenvolverase un obradoiro relacionado coa mostra para rapaces maiores de seis anos.

O Día do libro celebrarase cun encontro co escritor Antón Riveiro Coello, no que falará do seu último libro O paraíso dos inocentes, nunha sesión aberta ao público ata completar cabida. Tamén con motivo desta conmemoración, haberá a mostra bibliográfica Queres ser a primeira persoa para este libro?, con exemplares que nunca saíron en préstamo, na busca da persoa axeitada para a lectura de cada unha das publicacións.
 

Imaxes relacionadas