Fernández-Tapias e Urbanlab presentan Follow 21, o proxecto que firman creativos locais no marco de 'O Teu Xacobeo'

A iniciativa conta cunha achega de 20.000 euros de “O Teu Xacobeo”, que está a mobilizar preto de 8M€ en 400 proxectos nas súas dúas edicións

Vigo, 31 de marzo de 2021

A delegada territorial da Xunta de Galicia en Vigo, Marta Fernández-Tapias, desprazouse hoxe ata o espazo de mobiliario contemporáneo Sirvent que serviu de plataforma física para o lanzamento dixital de Follow 21, a proposta de Urbanlab que firman creativos locais, na súa maioría de Vigo, no marco de “O Teu Xacobeo”. Un programa no que o Goberno galego leva mobilizados 8 millóns de euros en dous anos para implicar a municipios, empresas e entidades sen ánimo de lucro nun Xacobeo participativo e descentralizado.

Trátase da continuación de Follow 20, un encontro primaveral de deseño galego con base en historias dixitais rápidas, que ten como obxectivo por en valor o deseño galego conectándoo co exterior e o grande público e que servirá de antesala para o lanzamento este ano da Galicia Design Week. A iniciativa de Urbanlab, cuxas pezas creativas colgáranse na web www.follow.gal, conta cunha achega por parte do Executivo autonómico de 25.000 euros.

Tras recordar que no marco da primeira convocatoria de “O Teu Xacobeo” están a levarse a cabo proxectos nuns 140 concellos da Comunidade, Fernández-Tapias exemplificou nas preto de 1.000 solicitudes rexistradas o éxito da nova edición. Un programa que tal e como sinalou “permítenos diversificar, entre moitos colectivos e a través de moitos pequenos actos, o impacto do Camiño e o valor deste Ano Santo no que nos atopamos, incorporando centos de propostas á programación do Xacobeo”.

Así, a delegada sinalou que esta segunda edición permitirá desenvolver un total de 220 propostas orientadas a dinamizar a programación sociocultural deste Ano Santo que se estenderá ata o 2022, destinando un investimento de case 3,3 millóns de euros.

Unha actuación coa que a Xunta de Galicia, dixo, busca a implicación e a participación de toda a cidadanía na programación deste Xacobeo, co obxectivo de que “sexan eles mesmos os que conten as súas historias e experiencias nos distintos roteiros do Camiño de Santiago”.

Segundo informou, os beneficiarios desta última convocatoria están xa a desenvolver os seus proxectos para o que contan de prazo ata o próximo mes de setembro, tras a concesión dun aprazamento por culpa da covid-19 co obxectivo de que poidan dispoñer de máis tempo para levalos adiante.

Imaxes relacionadas