A Xunta asina co concello de Abegondo un protocolo para a construción dun novo centro de saúde

O novo centro disporá dunha segunda sala de consultas de enfermería, separada da sala de mostras. Haberá, tamén, unha nova sala de educación maternal, unha nova sala de técnicas e unha nova sala polivalente, para poder realizar a cirurxía menor

O concello xa ten en trámite o expediente de cesión da parcela, e a Xunta adquire, con este convenio, o compromiso de licitar, canto antes, o proxecto para esta obra, -remarcou o conselleiro de Sanidade
 

Abegondo (A Coruña), 31 de marzo de 2021

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes, asinaron hoxe un protocolo de colaboración, para a execución das obras de construción dun novo centro de saúde neste concello da provincia da Coruña. O acto contou, así mesmo, coa presenza do delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor López. Unha vez rematada a sinatura, o conselleiro de Sanidade, acompañado do alcalde e do delegado da Xunta, visitou a parcela onde se ubicará o novo centro da rede do Sergas.

Esta nova construción vai permitir renovar unha infraestrutura, como o centro de saúde de Abegondo, que ten xa máis de 35 anos, e, ademais, vai ter unha disposición que permita unha atención máis integral a preto de 5.000 pacientes.

Plan funcional

O Servizo Galego de Saúde dispón dun plan funcional para este centro que permitirá resolver os problemas que ten o actual. Así, haberá unha segunda sala de consultas de enfermería, separada da sala de mostras. Terá, tamén, unha nova sala de educación maternal, unha nova sala de técnicas e unha nova sala polivalente, para poder realizar a cirurxía menor. Xunto ao anterior, mellorarase a área de persoal, cunha sala de estar, vestiarios e un despacho de coordinación.

O conselleiro destacou o compromiso do Sergas na construción deste centro de saúde, unha vez que o concello fixo un gran esforzo para elaborar, en tempo récord, un plan especial de infraestruturas e dotacións, completar todos os seus trámites administrativos e aprobalo por unanimidade no pleno do concello.

“Grazas á coordinación entre o concello e a Xunta, só un mes despois desa aprobación estamos aquí asinando o convenio”, -dixo o conselleiro-. “Sabemos que o concello xa ten en trámite o expediente de cesión da parcela e nós adquirimos, con este convenio, o compromiso de licitar, canto antes, o proxecto para esta obra”, -remarcou García Comesaña-.

Renovación de infraestruturas

A sinatura do protocolo de hoxe significa dar un paso máis na renovación das infraestruturas da atención primaria. Así, dende 2009, a Xunta construíu ou reformou un total de 81 centros de saúde, o que supuxo actuar sobre máis de 67.000 metros cadrados.

Na provincia da Coruña, nos últimos anos, a Xunta puxo en marcha novos centros de saúde en Cambre, Malpica, Arteixo, Culleredo, A Capela, Ares, A Laracha, Galeras (Santiago), e importantes reformas en Oza-Cesuras, Valvodiño, Cabanas, Cee ou Coristanco.

En total, entre as 81 obras xa rematadas e as 11 que están en marcha, a Xunta xa investiu, nestes 12 anos, máis de 100 millóns de euros na mellora das infraestruturas de atención primaria en Galicia.

Sinalar, ademais, que os orzamentos da Xunta para o presente ano contemplan un incremento do 108% no capítulo de investimentos para atención primaria, pasando de 26 millóns de 2020 a 55 millóns en 2021.

Nesta provincia, a Xunta de Galicia acaba de poñer en marcha un novo centro de saúde no Milladoiro (Ames), poranse en marcha este ano os centros de saúde de Melide e Narón, acabouse de finalizar a reforma do centro de saúde de Ortigueira, e estase a piques de rematar a de Mugardos e As Pontes. Ademais, iniciouse, hai uns días, a reforma do centro de saúde de Bertamiráns, e está prevista, tamén, a ampliación do centro de saúde de Conxo (Santiago), xa redactado o proxecto.

A Xunta de Galicia ten intención de continuar esta renovación integral da atención primaria con dúas iniciativas. Un Plan de infraestruturas sanitarias de atención primaria, no que definiranse as actuacións prioritarias do Sergas; e unha reforma organizativa deste nivel asistencial que aposte por un modelo máis resolutivo e máis multidisciplinar.
 

Imaxes relacionadas