A Xunta adxudica a construción da nova senda peonil e ciclista na estrada PO-441 en Parderrubias, en Salceda de Caselas, por un importe de máis de 710.000 €

As obras comezarán entre finais do mes de abril e principios de maio e terán un prazo de execución de 6 meses, polo que estarán rematadas este ano

Executarase un itinerario de máis de 2 quilómetros nesta estrada autonómica entre os puntos quilométricos 4+260 e 6+250

O proxecto inclúe a disposición dun paso de peóns elevado, a ampliación do paso sobre o regato de Landres e a mellora das interseccións e accesos ás vivendas

Tamén se prevé o traslado da marquesiña existente no punto quilométrico 5+910, así como a reposición dunha serie de treitos da rede de saneamento
 

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021

A Xunta vén de adxudicar as obras da nova senda peonil e ciclista na estrada autonómica PO-411, en Parderrubias, no concello de Salceda de Caselas, por un importe de máis de 710.000 euros.

Esta intervención, adxudicada á empresa Obras, Reformas y Saneamientos S.L, comezará entre finais do mes de abril e principios de maio e terá un prazo de 6 meses, polo que estará rematada este ano

Trátase da execución dunha senda de algo máis de 2 quilómetros de lonxitude na estrada de titularidade autonómica PO-411, cun trazado que coincide en planta e alzado coa vía actual e cun ancho que oscilará entre os 1,80 e os 2,30 metros.

Esta actuación no núcleo de Parderrubias desenvólvese en tres treitos: un na marxe dereita da vía de acceso ao IES Pedras Rubias; outro na marxe esquerda da estrada PO-411, entre os puntos quilométricos 4+260 e 5+985; e o terceiro, tamén pola marxe dereita, entre os puntos 5+970 e 6+250.

Ademais proxéctase un paso de peóns elevado no punto quilométrico 3+715, a ampliación do paso sobre o regato de Landres e a mellora das interseccións e accesos ás vivendas.

Nas obras tamén se prevé o traslado da marquesiña existente no punto quilométrico 5+910, así como a reposición dunha serie de treitos da rede de saneamento.

Esta intervención, que facilitará os desprazamentos dos veciños en condicións máis seguras e sustentables, será cofinanciada con Fondos FEDER 2014/2020.