O programa Iacobus avala patentes presentadas de forma conxunta entre investigadores galegos e do norte de Portugal

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal destina 40.000 euros ás solicitudes ou obtención de patentes

Poderán presentarse os investigadores vinculados ás universidades e institucións de ensino superior participantes no programa
 

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021

A Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT) Galicia-Norte de Portugal vén de lanzar unha nova modalidade do programa Iacobus, destinada a fomentar a cooperación transfronteiriza en actividades de I+D+i mediante a concesión de subvenciones, en réxime de concorrencia competitiva, para o fomento das solicitudes de patentes promovidas dende a Eurorrexión durante o ano 2020.
A primeira convocatoria do Iacobus Patentes abriuse o 29 de marzo e cerrarase o próximo 30 de abril, e poderán presentarse aquelas solicitudes de patente ou a concesións do certificado -título de rexistro da patente- realizadas conxuntamente entre, polo menos, un inventor dunha institución galega e outro inventor dunha institución portuguesa, no período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 xaneiro de 2021. Como tope máximo da axuda tense establecido 4.000 euros por patente conxunta ou por solicitude de patente conxunta, repartidos ao 50% entre as institucións dos dous candidatos; é dicir, entre institucións universitarias ou de ensino superior adheridas ao programa.

Con esta nova iniciativa, a AECT da Eurorrexión busca favorecer o esforzo de valorización económica necesario para a creación ou innovación de novos produtos ou servizos, estimular a protección internacional da tecnoloxía, fomentar a protección das invencións galegas e portuguesas a través de patentes, contribuír á mellora da competitividade das institucións na procura de mercados internacionais e impulsar a presenza da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal no marco das listaxes de pedidos de patentes internacionais, promovendo a súa notoriedade nas redes de atracción de capital risco de base tecnolóxica.

Poderán participar os investigadores solicitantes con contratos en vigor con algunha das institucións académicas adheridas ao programa; é dicir, coa Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña, Universidade de Vigo, Universidade do Porto, Universidade do Minho, Universidade de Trás-os-Montes e Alto Douro, Universidade Católica Portuguesa-Centros Regionais do Porto e de Braga, Instituto Politécnico do Porto, Instituto Politécnico de Viana de Castelo, Instituto Politécnico de Bragança e Instituto Politécnico do Cávado e do Ave. Os solicitantes deberán ter un certificado ou título do rexistro dunha patente europea ou internacional, ou ter solicitado os trámites de concesión entre o 1 de xaneiro de 2020 e o 31 de xaneiro de 2021.
 

Imaxes relacionadas