Turislab abre o prazo de inscrición para captar proxectos innovadores con aplicación no sector turístico galego

A primeira Aceleradora galega especializada en Turismo habilita o seu proceso de admisión de propostas desde o 30 de marzo ata o 28 de abril, ambos inclusive

A convocatoria está dirixida a proxectos emprendedores e startups que desenvolvan solucións tecnolóxicas para aplicar no sector turístico dentro das seis categorías existentes

A Xunta afianza a súa aposta por unha iniciativa estratéxica que busca reter o talento galego a atraer empresas en fase pre-semente doutras comunidades

O programa de aceleración divídese en 3 fases (Pre-academia, Academia e Investors Day) e finalizará en decembro co evento final de entrega de premios
 

Santiago de Compostela, 31 de marzo de 2021

Turislab, a primeira Aceleradora galega de Turismo, impulsada pola Xunta de Galicia, ven de abrir prazo ata o vindeiro 28 de abril para a presentacións de propostas de desenvolvemento de startups en fase pre-semente ou con menos dun ano de actividade. O programa de formación e titorías está orientado a captar proxectos innovadores e aplicables no sector turístico para o seu desenvolvemento.

A través desta Aceleradora a Xunta afianza a súa aposta decidida por unha iniciativa estratéxica que busca reter o talento galego e atraer empresas doutras comunidades que veñen a aportar solucións nun sector clave e nun momento extraordinario, que se enmarca no período Xacobeo.

Esta primeira convocatoria 2021 está dirixida ao emprendemento que desenvolva solucións tecnolóxicas innovadoras con aplicacións reais e de valor engadido no sector turístico dentro das seis categorías existentes: Gastro Tech, para proxectos 360º do sector gastronómico; Travel Tech, onde se agruparán proxectos de transformación dixital do turismo, as viaxes e as experiencias; Social Tech, que agrupa a conexión entre o dixital e a sociedade; Infrastructure Track, para facer máis accesible o turismo de lecer creando infraestruturas, Camiño de Santiago, onde se agruparán aqueles que poñan en valor ao gran referente de Galicia e Sostibilidade, agrupando proxectos enfocados a asegurar un desenvolvemento sostible no sector turístico.

Desenvolvemento en 3 fases

O programa de formación da aceleradora está dividido en 3 fases. A primeira é a de Pre-academia, cun 1 mes de duración, na que participarán os 15 proxectos pre-seleccionados de entre todas as candidaturas presentadas. A segunda das fases, a de Academia, durará 6 meses e suporá o núcleo central da aceleradora, onde os 10 proxectos finalistas recibirán toda a mentorización e as ferramentas para acelerar os proxectos con vistas a escalalos nos mercados.

Finalmente, na terceira e última fase, o Investors Day, previsto para o 10 de decembro, se entregarán os premios e se celebrará un evento onde os emprendedores poderán presentar os seus proxectos directamente a aqueles investidores interesados en financialos.

Este programa de aceleración reforza o modelo turístico que se está a plasmar no Plan Director 2021-2023 Galicia Destino Seguro, que busca a reactivación do sector e a recuperación da confianza dos viaxeiros, obxectivos aos que poden axudar aqueles proxectos que se aceleren nesta primeira edición de Turislab.
 

Imaxes relacionadas