A Xunta anima ás pemes do sector primario e agroalimentario galego a presentar iniciativas que poidan optar a fondos europeos para facer fronte aos efectos da covid-19

A Consellería do Medio Rural vén de lanzar a Convocatoria de Manifestación de interese de proxectos autonómicos, que tamén contribuirá a definir as liñas estratéxicas de actuación no rural galego

Como exemplos de proxectos tractores, José González puxo a biofábrica de fibras téxtiles sostibles para pechar o ciclo de transformación da madeira en Galicia e a posta en produción de 18.000 hectáreas de terra abandonada

Os interesados terán de prazo ata o 16 de abril para enviar os seus proxectos ao enderezo de correo electrónico proxectos.medio-rural@xunta.gal
 

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2021

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, e o conselleiro do Medio Rural, José González, manteñen esta tarde un encontro dixital con diversas organizacións profesionais agrarias e asociacións do sector primario. O obxectivo é avanzar no desenvolvemento da Manifestación de interese de proxectos autonómicos que vén de convocar Medio Rural para identificar os interesados en participar nas iniciativas impulsadas pola Consellería ao abeiro do Plan de recuperación, transformación e resiliencia deseñado polo Goberno central para facer fronte aos efectos da covid-19.

Ao tempo, cómpre sinalar que os proxectos presentados axudarán a definir as liñas estratéxicas de actuación no rural galego nos vindeiros anos. Ademais, a información recollida permitirá visibilizar os proxectos promovidos por pequenas e medianas empresas, posibilitando deseñar fórmulas de financiamento ou outros mecanismos de apoio axeitados, así como os parámetros técnicos que deben rexer, no seu caso, a avaliación ou selección das accións para acceder a ditos mecanismos.

En concreto, na xuntanza participan o Sindicato Labrego Galego, Unións Agrarias UPA, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (Agaca), a Asociación de Grupos de Desenvolvemento Rural de Galicia, a Fundación Arume e o Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

O conselleiro do Medio Rural puxo de relevo que o obxectivo final deste Plan é a reactivación económica a curto e medio prazo e a transición cara a unha economía sostible e resistente a longo prazo. Nesa liña, e no marco desta iniciativa, a Xunta presentou ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e ao de Industria, Comercio e Turismo o "Polo para a transformación de Galicia", como un proxecto transformador que promoverá o desenvolvemento de catro proxectos tractores e catro proxectos transversais, cos que afrontar os catro grandes retos (Transición Ecolóxica, Transición Xusta, Transición Dixital e Loita contra o despoboamento e o reto demográfico).

Nesa liña, José González quixo poñer en valor a parte destes proxectos tractores e transversais dirixidos a apoiar o sector primario galego. De xeito específico, o proxecto de biofábrica de fibras téxtiles sostibles -que ten por obxectivo pechar o ciclo da transformación da madeira en Galicia- suporá un forte impulso do noso sector forestal na liña que marca o Plan Forestal 2021-2040 cara á multifuncionalidade e a diversificación do monte galego. O investimento total entre a biofábrica e os proxectos complementarios para a mellora da xestión forestal rolda os 1.200 millóns de euros.

Tamén se contempla a implementación dos instrumentos recollidos na futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, para promover a bioeconomía e a calidade de vida no noso rural. En concreto, este proxecto tractor leva asociada a posta en produción de 18.000 hectáreas de terra abandonada no rural galego para usos agrícolas, gandeiros ou forestais, así como a posta en marcha de 200 aldeas modelo. Neste proxecto mobilizaranse 601 millóns e euros.

Por outra banda, cómpre apuntar que a Consellería do Medio Rural está a preparar o Plan Estratéxico para a execución dos fondos Feader no período 2023-2027, como base fundamental sobre a que se asenta o deseño dos instrumentos de apoio e impulso por parte da Administración pública aos diferentes proxectos empresariais que se van desenvolver no sector primario e agroalimentario galego.

Deste xeito, para garantir a eficacia tanto do Plan de recuperación, transformación e resiliencia como dos instrumentos de apoio e promoción a partir dos fondos Feader para o próximo período, a Consellería do Medio Rural busca identificar proxectos ou iniciativas que contribúan a definir as liñas de actuación no sector primario e agroalimentario galego. En concreto, perséguense iniciativas para o desenvolvemento do emprendemento no rural galego, dinamizando demográfica e economicamente as zonas rurais de Galicia, así como para a mellora das explotacións agrarias para reforzar a súa sostibilidade ou o impulso á bioeconomía. Tamén se busca promover a transición enerxética como panca de atracción de actividade e poboación a partir da enerxía sostible e accesible, utilizar novos modelos de negocio agroalimentario adaptados á economía verde e á transición ecolóxica e aumentar a produción orientada a produtos baixo selos de calidade diferenciada. A maiores, outra das finalidades é desenvolver proxectos do sector agroalimentario que atendan aos compoñentes principais do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

As Manifestacións de interese de proxectos autonómicos poderán enviarse ata o 16 de abril ao enderezo de correo electrónico proxectos.medio-rural@xunta.gal, achegando un breve informe ou documentación adicional que proporcione información relevante sobre a iniciativa presentada. A avaliación dos proxectos será levada a cabo pola Consellería do Medio Rural, en colaboración cos organismos e entidades que impulsen os compoñentes aos que se orienten os proxectos presentados.

As Manifestacións de interese de proxectos autonómicos poden atoparse no seguinte enlace:
https://mediorural.xunta.gal/gl/recursos/manifestacion-interese-proxectos-autonomicos
 

Imaxes relacionadas