Luis López garante o “compromiso máximo” da Xunta de Galicia co Concello de Vilaboa no seu encontro institucional co alcalde

O delegado territorial do Goberno galego en Pontevedra destaca o clima de colaboración e entendemento e recolle as demandas de César Poza sobre abastecemento de augas e parques infantís

O representante autonómico confirma que Portos de Galicia estuda a posibilidade de ampliar os atraques no peirao de San Adrián de Cobres

Vilaboa, (Pontevedra) 30 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, celebrou este mediodía un encontro institucional co alcalde de Vilaboa, César Poza, e garantiulle o “compromiso máximo” do Goberno galego co Concello no marco do clima de entendemento e colaboración institucional existente entre ambas administracións.

O representante autonómico confirmoulle a concesión de case 40.000€ para mellora de camiños municipais ao abeiro do Plan Marco 2021 e tamén que Portos de Galicia está a estuda a posibilidade de ampliar os atraques no peirao de San Adrián de Cobres para mellorar a súa funcionalidade.

“Trasladeille que a Xunta de Galicia está a traballar en todas as cuestións de interese xeral para os veciños de Vilaboa tras reemprazar recentemente gran parte das fiestras do CPI O Toural e que os Orzamentos 2021 contemplan máis de 700.000€ para investimentos neste municipio, dos que a meirande parte correspóndense con actuacións de saneamento que consideramos de gran importancia tanto pola calidade de vida dos veciños como pola gran importancia do mar na socioeconomía local”, indicou.

Polo demais, Luis López recolleu as demandas e necesidades propostas polo alcalde de Vilaboa, centradas principalmente na mellora dos sistemas de abastecemento de augas para consumo humano e na dotación de parques infantís ao abeiro das ordes de axudas para estas actuacións.

Imaxes relacionadas