Lete Lasa recibe a Eduardo Iglesias tras a súa excelente participación no Dakar e coa vista posta xa na tempada que vén

Nesta última edición de 2021, a Secretaría Xeral para o Deporte e Galicia Calidade colaboraron co piloto lucense a través de senllos contratos de patrocinio

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2021

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, recibiu hoxe na sede da Escola Galega de Administración Pública ao piloto monfortino Eduardo Iglesias, que na súa segunda participación na categoría de motos do Rally Dakar acadou a quincuaxésimo terceira posición, moi por diante do resultado da súa última aventura de 2020 na que finalizou no posto nonaxésimo cuarto.

Na súa xuntanza o secretario xeral e o piloto estiveron repasando a última participación de Iglesias no Dakar e, do mesmo xeito, comezaron a planificar a tempada que vén coa posibilidade dun terceiro concurso no rally máis importante do mundo.

Cómpre lembrar que, nesta última edición de 2021, a Secretaría Xeral para o Deporte e Galicia Calidade colaboraron co piloto lucense a través de senllos contratos que patrocinan as accións promocionais da participación do Club Team Monforte Rally no Rally Dakar.

Imaxes relacionadas