Medio Ambiente aproba inicialmente o Plan básico municipal do concello de Padrenda, o terceiro na provincia de Ourense

Tamén se converte no sexto concello galego en superar esta fase e que avanza na información pública necesaria para a súa aprobación definitiva e así dotarse dun instrumento básico de ordenación, previsto na Lei do solo

No plan básico recoñecese a existencia de 79 núcleos rurais en solo urbano consolidado e 143 elementos do patrimonio cultural e natural
 

Padrenda (Ourense), 30 de marzo de 2021

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, asinou esta mañá a orde de aprobación inicial do Plan básico municipal (PBM) de Padrenda. Desde xeito, convértese no terceiro concello da provincia de Ourense, e no sexto de Galicia, en superar este trámite e segue avanzando para dotarse dun novo instrumento de ordenación, previsto na Lei do solo.

Ángeles Vázquez visitou esta mañá este concello para notificarlle a sinatura da orde de aprobación inicial do plan básico, unha ferramenta pensada para que os concellos de menos de 5.000 habitantes e sen planeamento xeral -37 en toda Galicia- poidan desenvolver certa actividade urbanística pero sen establecer criterios de crecemento urbano.

Nese sentido, felicitou ao alcalde e ao equipo redactor polo traballo feito para dotar a este concello dun novo e moderno marco normativo en materia de urbanismo, que lle permitirá avanzar cara a un urbanismo responsable e na protección da paisaxe.
Este PBM delimita 79 núcleos rurais nun ámbito de solo urbano consolidado, de entre os 100 asentamentos identificados, e sinala como núcleo urbano San Roque de Crespos, un dos principais e máis poboados do concello, onde se sitúa actualmente a casa consistorial, o centro de saúde, así como outros edificios administrativos e de servizos.

Tamén identifica e cataloga os elementos do patrimonio cultural e natural do municipio, contabilizando un total de 143 elementos, dos cales 15 son arqueolóxicos, 43 arquitectónicos e 85 de carácter etnográfico da zona

Unha década a prol do urbanismo responsable

A tramitación dos primeiros plans básicos municipais enmárcase no esforzo realizado na última década pola Xunta para acadar o obxectivo de que Galicia avance cara a un urbanismo sostible e responsable e na protección da súa paisaxe.

Desde o ano 2009 aprobáronse instrumentos normativos e medidas para cumprir este reto, como as Directrices de ordenación do territorio, o Plan de ordenación do litoral, a Estratexia da paisaxe galega ou o Plan básico autonómico; e dotouse á Comunidade dunha nova Lei do solo e, máis recentemente, da Lei de ordenación do territorio.

Así mesmo, a Xunta tamén apoia técnica e economicamente aos concellos que apostan por redactar un plan xeral de ordenación municipal, polo que no ano 2021 disporá de 3,2 millóns de euros en axudas aos concellos que redacten o seu propio PXOM e seguir incrementando así a lista de 108 municipios que dispoñen nestes momentos dun planeamento adaptado á normativa vixente.

Neste sentido, seguirase avanzando tamén na tramitación dos outros plans básicos municipais que xa superaron o trámite ambiental co obxectivo de que poidan ser aprobados inicialmente o antes posible, unha situación na que estarían Ribeira de Piquín e Riotorto (provincia de Lugo) e Porqueira (Ourense).

De igual xeito, nun segundo grupo de nove concellos con menos de 5.000 habitantes (Alfoz, Guntín, Samos, Beariz, Lobeira, Punxín, San Cristovo de Cea, Viana do Bolo e Dozón) estanse a realizar xa os traballos técnicos para a obtención da súa cartografía, paso previo á redacción dos seus plans, polo que se agarda que en 2021 reciban tamén un pulo definitivo.
 

Imaxes relacionadas