A Xunta licita a redacción do proxecto construtivo para gañar espazo para as persoas e mudar a imaxe da travesía de Palmeira, en Ribeira, "transformando unha estrada nunha rúa”

As empresas interesadas nesta licitación, por importe de case 262.000 €, teñen ata o vindeiro 4 de maio para presentar as súas ofertas

O contrato, que inclúe a dirección das obras, ten un prazo total de execución de 21 meses, prevendo dispor do proxecto construtivo na primavera do vindeiro ano, para licitar as obras a continuación

Actuarase ao longo de 1 km coa fin de garantir a seguridade viaria e de potenciar o carácter de vía lenta da travesía, priorizando a mobilidade peonil e actuando sobre o deseño integral da rúa

Vázquez Mourelle salienta que esta intervención servirá de exemplo para replicar noutras zonas da estrada AC-305, co obxectivo de adaptala ao seu carácter urbano
 

Ribeira (A Coruña), 30 de marzo de 2021

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, informou hoxe da licitación da redacción do proxecto construtivo da actuación destinada a gañar espazo para as persoas e mudar a imaxe da estrada AC-305 na travesía de Palmeira, en Ribeira. O obxectivo, dixo é “transformar unha estrada nunha rúa”.

Vázquez Mourelle, xunto co alcalde da vila, Manuel Ruiz Rivas, e o presidente da Fundación RIA, David Chipperfield, presentou esta nova actuación no municipio.

En palabras da conselleira, “trátase de recuperar o espazo público da estrada autonómica para os veciños de Palmeira, con actuacións que supoñan a mellora da mobilidade e da seguridade viaria”, e que levarán aparellado un investimento da Xunta de arredor de 2,2 millóns de euros.

Concretou que a Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica desde hoxe o anuncio da licitación, por case 262.000 euros, do contrato para a redacción do proxecto de construción e dirección das obras das actuacións para humanizar a travesía de Palmeira. As empresas interesadas teñen ata o 4 de maio para presentar as súas ofertas.

O prazo total de execución do contrato é de 21 meses e, segundo explicou a conselleira, o obxectivo é dispor do proxecto construtivo redactado na primavera do vindeiro ano para, a continuación, licitar as obras.

Ethel Vázquez explicou que esta intervención, que terá en conta a participación veciñal e do propio Concello de Ribeira, persegue ofrecer un carácter máis humano e máis social á estrada a medida que pasa polo centro urbano de Palmeira. Desa forma búscase adaptar a configuración da AC-305 á realidade actual deste núcleo de poboación, para conseguir unha vía completamente integrada no tecido urbano.

Actuarase ao longo de 1 km con distintas intervencións encamiñadas a garantir a seguridade de peóns e de condutores, a potenciar o carácter de vía lenta, priorizando a mobilidade peonil, e actuando sobre o deseño integral da rúa.

Vázquez Mourelle explicou que se reordenará a sección transversal da estrada, reducindo o ancho de carril e dotando as marxes de franxas verdes e arborado, co obxectivo de gañar espazo para os peóns e de facer máis humana a vía. Tamén, de cara a reforzar a seguridade viaria, minorarase a velocidade a 30 km/hora.

A conselleira indicou que para priorizar a mobilidade a pé dos veciños, reducindo o protagonismo dos coches, disporanse plataformas únicas, habilitaranse aparcadoiros alternativos, ampliaranse as beirarrúas e dotarase a zona de mobiliario urbano, para uso e desfrute da xente.

Ademais, incidiranse no deseño integral da rúa, procurando a maior integración urbana e paisaxística de todos os elementos, o tendido eléctrico, o saneamento e outros servizos urbanos, os pavimentos, as ramplas e encontros de superficies.

Ethel Vázquez salientou que este conxunto de actuacións que se están a impulsar desde a Xunta en colaboración coa Fundación RIA queren mudar por completo a imaxe da estrada autonómica AC-305 na travesía de Palmeira.

Afirmou que esta actuación en Palmeira será un exemplo que se replicará noutras zonas da estrada AC-305 en contornos urbanos para adaptar a vía á súa funcionalidade.

Esta actuación forma parte do convenio asinado en xaneiro pola Xunta e Fundación RIA, cun investimento de 212.000€, para deseñar intervencións en 5 ámbitos urbanos desta estrada no Barbanza para lograr unha convivencia máis harmónica entre vehículos e peóns.
 

Imaxes relacionadas