A Xunta aplicará desde o 1 de abril descontos por recorrencia nas viaxes en transporte público aboadas coa tarxeta TMG

Os usuarios que fagan habitualmente os mesmos traxectos obterán unha rebaixa do 25% cando superen as 20 viaxes no mesmo mes e do 50% a partir de 40 viaxes

Cando remate cada mes aboarase o importe do desconto que corresponde por recorrencia na tarxeta TMG, a través dunha recarga nos caixeiros automáticos habilitados pola entidade financeira colaboradora

Os descontos están previstos nos novos contratos de transporte e actívanse unha vez se dispón das aplicacións e sistemas tecnolóxicos necesarios

Esta medida estende as bonificacións para usuarios frecuentes máis alá das áreas de Transporte Metropolitano, onde xa existen descontos por recorrencia

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2021

A Xunta aplicará a partir do 1 de abril descontos por recorrencia nas viaxes en transporte público que se aboen coa tarxeta TMG.

Tal e como avanzou a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade na comparecencia no Pleno do Parlamento do pasado día 23 de marzo, a nova bonificación establece unha rebaixa do 25% no prezo dos billetes cando se superen as 20 viaxes no mesmo mes natural, e acada o 50% de desconto a partir das 40 viaxes.

Trátase dunha das melloras introducidas nas condicións dos novos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia, que se activan unha vez que se dispón das aplicacións e sistemas tecnolóxicos necesarios para a súa aplicación.

Para que os usuarios accedan a estes descontos só teñen que cumprir dúas condicións. En primeiro lugar, pagar as viaxes empregando a tarxeta TMG, pois este dispositivo permite rexistrar o número de desprazamentos realizados no mesmo mes para determinar o dereito á rebaixa correspondente.

Por outro lado, para acceder a estes descontos, as viaxes deben ter orixe ou destino entre os mesmos municipios e facerse co mesmo concesionario, contando tanto a ida coma a volta, máis aquelas viaxes que transcorren dentro dun único concello.

Esta medida supón estender as bonificacións para usuarios frecuentes máis alá das áreas de Transporte Metropolitano, onde xa existen descontos por recorrencia.

As Áreas de Transporte Metropolitano constituídas xa contan con bonificacións propias para os usuarios da tarxeta TMG e nelas tamén os menores de 21 anos viaxan gratis coa utilización da tarxeta Xente Nova.

O modo de funcionamento destes novos descontos implica que, no momento de pagar a viaxe, aos usuarios descóntaselles nas súas tarxetas TMG o importe íntegro do billete, debido a que o cálculo se fai unha vez rematado o mes natural.

Despois de que a empresa concesionaria remita os datos, a Administración autonómica procesaraos para determinar o importe que lle corresponde a cada tarxeta por este desconto por recorrencia.

A continuación, a Xunta aboará o pagamento dese importe ás persoas usuarias, o día 1 do mes seguinte ao do procesamento da información. É dicir, os descontos correspondentes ao mes de abril procesaranse en maio e recibiranse o 1 de xuño.

Para completar o proceso de reintegro do importe, os cidadáns só teñen que achegarse aos caixeiros automáticos da entidade financeira colaboradora, Abanca, para recibir o importe que lle corresponde por recorrencia na súa tarxeta TMG.

Esta nova rebaixa nos prezos dos billetes vense sumar aos distintos bonos xa incluídos nos contratos do Plan de Transporte Público de Galicia dos que xa se están a beneficiar os usuarios recorrentes do autobús interurbano, así como a outros descontos incorporados polos operadores nas ofertas presentadas ao concurso público, que tamén están en funcionamento.

O conxunto de todas estas posibilidades permite que a cidadanía poida contar con prezos máis económicos no transporte público e rebaixas adaptadas ás situacións particulares.

Imaxes relacionadas