O Diario Oficial de Galicia publica hoxe a resolución da convocatoria do ano 2020

A Xunta outorga axudas a 10 asociacións profesionais e empresariais para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia cun investimento de 371.000 euros

O obxectivo é mellorar as capacidades do sector en eidos como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial

As entidades beneficiarias son asociacións ou federacións de transportistas integradas no Comité Galego de Transportes

Ao abeiro desta subvención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade en 2020 realizáronse 1.139 cursos dos que se beneficiaron 11.351 persoas

Permanece aberto ata o vindeiro día 11 de abril o prazo para presentar as solicitudes á convocatoria deste ano, que suporá un investimento de 400.000 euros

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade fixo pública hoxe a resolución coa listaxe das 10 asociacións profesionais e empresariais ás que se concederon axudas para a formación no ámbito do transporte por estrada en Galicia, que se corresponden coa convocatoria do ano 2020.

No seguinte enlace ao DOG poden consultarse as subvencións concedidas a cada unha desta entidades, que acadaron un investimento da Xunta que rolda os 371.000 euros: https://xurl.es/dfm2n

A consellería distribuíu estas axudas entre aqueles plans formativos que acadaron as maiores puntuacións nos diversos criterios que establece a orde reguladora, entre os que se encontran a representatividade da asociación, a adecuación dos cursos ao ámbito do transporte, o seu menor custo ou a promoción do idioma galego.

Estas axudas van dirixidas ás entidades que se integran no Comité Galego de Transportes (asociacións ou federacións de transportistas), co obxecto de que elaboren e leven a cabo un plan formativo sobre materias de maior interese para os profesionais do sector.

O departamento de Mobilidade da Xunta persegue con estas axudas que as entidades beneficiarias poidan mellorar as capacidades dos seus asociados en eidos tan importantes como a seguridade viaria, a manipulación de mercadorías perigosas ou a eficiencia na xestión empresarial. Tamén se inclúe a subvención de cursos para obter o Certificado de Aptitude Profesional (CAP), requisito imprescindible para os condutores que queiran operar no mercado profesional desde a entrada en vigor do Real decreto 1032/2007, do 20 de xullo.

No ano 2020 realizáronse 1.139 cursos ao abeiro destas axudas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, das que se beneficiaron un total de 11.351 alumnos.

Aberta a convocatoria deste ano

O día 12 de marzo o departamento de Mobilidade da Xunta abriu a convocatoria deste ano para solicitar as axudas de formación dos profesionais do sector do transporte por estrada, que suporá un investimento de 400.000 euros.

As entidades integradas no Comité Galego de Transportes por Estrada poderán presentar as súa solicitudes, xunto co plan formativo correspondente, ata o vindeiro día 11 de abril.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa potenciando as actividades formativas dirixidas aos profesionais do sector, en diferentes eidos como a condución, o transporte de mercadorías perigosas ou a xestión das empresas de transporte por estrada.