A Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos e a Universidade de Santiago asinan dous convenios de colaboración para o fomento da doazón de sangue e o desenvolvemento dun proxecto co CIMUS

A colaboración das universidades galegas resulta imprescindible para a renovación da base de doantes e a captación de doadores e doadoras novos

ADOS colaborará co Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas nun proxecto de desenvolvemento de ensaios in vitro

Santiago de Compostela, 30 de marzo de 2021

O Edificio administrativo da Consellería de Sanidade acolleu, hoxe pola mañá, o acto de sinatura de dous convenios de colaboración entre a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) e a Universidade de Santiago de Compostela (USC), co obxectivo de promover a doazón de sangue altruísta e tamén posibilitar un proxecto en colaboración co Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS).

Os convenios foron asinados polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz. Ao acto tamén asistiu a directora de ADOS, Marisa López García e o director xeral de asistencia sanitaria, Jorge Aboal.

Traxectoria de colaboración

ADOS e a Universidade de Santiago de Compostela teñen unha longa traxectoria de colaboración no eido da doazón, que ámbalas dúas institucións queren impulsar e por en valor. Por este motivo, promoveuse a sinatura deste acordo que reafirma a vontade de colaboración e fomento das xa fluídas relacións entre ambas institucións, co fin de potenciar liñas de interese común, impulso, sensibilización e promoción da doazón altruísta de sangue, órganos e tecidos no ámbito da USC.

Ambas institucións promoverán campañas colectivas de doazón de sangue nos centros docentes que integran a USC con periodicidade anual, artelladas en dúas fases; unha primeira entre os meses de setembro a novembro, e a segunda; de febreiro a abril. Compre remarcar que na campaña universitaria de doazón en Galicia obtivéronse, no pasado curso, 4.601 doazóns e que, unha parte moi importante dos novos doadores proveñen desta solidaria iniciativa que contribúe a renovar a base de doantes de Galicia.

Proxecto de investigación

O segundo convenio de colaboración asinado esta mañá entre ADOS e o Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) permitirá un proxecto de desenvolvemento de ensaios in vitro para a medida de modulación do sistema inmune por compostos activos en kinasas e receptores nucleares en leucocitos en persoas doadores sans.

Mediante este acordo, ADOS proverá ao CIMUS de mostras sanguíneas procedentes de doazóns de sangue, para posibilitar o desenvolvemento deste proxecto de investigación.

Ampliar e rexuvenecer

ADOS considera de vital importancia ampliar e rexuvenecer a base de persoas doadoras de sangue en Galicia para poder facer fronte aos requerimentos transfusionais precisos para o desenvolvemento dos programas asistenciais na nosa comunidade, cun complexo balance sociodemográfico. Deste xeito, ADOS e a USC establecerán, conxuntamente, estratexias e campañas para fomentar a doazón altruísta tanto de sangue como de órganos e medula ósea desde a comunidade universitaria.

Pola súa banda, a Universidade de Santiago de Compostela colaborará na difusión dos materiais educativos de ADOS, facilitando o uso das súas plataformas de comunicación, así como os recursos e programas.

Imaxes relacionadas