O Consorcio Provincial Contraincendios de Pontevedra adquire un novo vehículo para os parques da provincia

A Xunta e a Deputación de Pontevedra acordaron a compra deste camión de rescate e extinción en altura con base no parque de bombeiros de O Porriño e que dará cobertura tamén aos de Vilagarcía de Arousa, Ribadumia e Bueu

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2021

O Consorcio Provincial para a Prestación do Servizo Contraincendios e de Salvamento de Pontevedra, integrado e participado ao 50% pola Xunta de Galicia e a Deputación, adquiriu un novo vehículo pesado de rescate e de extinción en altura, que supuxo un investimento de máis de 777.300 euros. O novo camión terá base no parque de O Porriño e permitirá mellorar tamén a eficiencia nas intervencións en altura levadas a cabo nos parques do Consorcio en Vilagarcía de Arousa, Ribadumia e Bueu.


O parque do Porriño xa recibiu o novo vehículo que, entre outras características técnicas, conta con rociadores de auga na súa cesta para aumentar a seguridade ante determinadas incidencias, así como iluminación e tomas de aire respirable que permiten aumentar o tempo de traballo e a efectividade dos efectivos. Ademais, dispón dun monitor con control remoto para lanzar auga e escuma, que se pode regular de forma automática por un só bombeiro desde a base do camión.