A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h de hoxe

Estabilizado un lume no concello ourensán de Viana do Bolo (Pradorramisquedo) que supera as 20 hectáreas de superficie e que tamén afecta territorio zamorano

Permanece controlado o incendio do municipio lugués de Folgoso do Courel (Seoane) que afecta 28,5 hectáreas de superficie

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2021

A Consellería do Medio Rural informa da situación dos lumes forestais con datos recollidos ata as 13,30 h. de hoxe.

Viana do Bolo

Estabilizado ás 13,00 h. desta mañá o lume rexistrado no concello ourensán de Viana do Bolo, parroquia de Pradorramisquedo, tras comezar ás 9,35 h. desta mañá. O incendio, que comezou en tres focos, afecta tamén territorio zamorano. Na parte galega, a superficie afectada supera as 20 hectáreas segundo as primeiras estimacións. No seu control participan 1 axente, 3 brigadas e 1 helicóptero.

Folgoso do Courel

Permanece controlado desde 10,42 h. desta mañá o lume rexistrado no concello lugués de Folgoso do Courel, parroquia de Seoane, tras comezar ás 21,15 h. da pasada noite. Segundo as últimas estimacións afecta unha superficie de 28,5 hectáreas, das cales 22,5 son de monte raso e 6 de arborado. Na súa extinción participan 3 axentes, 6 brigadas e 5 motobombas.

A Consellería do Medio Rural lembra que está a disposición da cidadanía o número de teléfono gratuíto 085, ao que deben chamar en caso de detectar algún lume forestal. Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto para denunciar calquera actividade delituosa incendiaria da que se teña sospeita ou coñecemento: 900 815 085. Así mesmo, toda a información actualizada sobre incendios forestais poderá ser consultada na conta aberta de twitter: @incendios085.

Departamento:
C. do Medio Rural