Inspectores de Sanidade visitan preto de 9.000 establecementos dentro da campaña de reforzo para a mellora do cumprimento das medidas sanitarias covid-19

A campaña estará activa ata o mes de abril, aínda que, en función da evolución da pandemia, revisarase a pertinencia de aumentar a duración da mesma

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2021

A campaña de reforzo para a mellora do cumprimento das medidas sanitarias para facer fronte á crise sanitaria ocasionada pola covid, posta en marcha nos mes de febreiro pola Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, xa leva realizadas, ata o 21 de marzo, preto de 9.000 visitas a establecementos, entre eles, 3.727 de alimentación (hipermercados, supermercados e ultramarinos), 313 centros comerciais e prazas de abasto, 1.286 instalacións deportivas, e 3.459 establecementos de hostalería.

A campaña ten por obxectivo asesorar e mellorar o cumprimento das medidas sanitarias implantadas para facer fronte á crise sanitaria da covid, en especial control de aforos, distancias, uso de máscaras, etc, actuacións que se encadran dentro do paquete de medidas para tentar diminuír a incidencia do virus.

No que atinxe á semana que vai do 15 ao 21 de marzo, o persoal inspector de saúde pública -máis de 200 efectivos-, vén de comprobar, nas 1.146 visitas realizadas a establecementos de hostalería, de alimentación e instalacións deportivas, que o 21% deles estaban pechados polas restricións aplicables no seu concello. Dos que se atopaban abertos (79%), o 51% das visitas de inspección foron favorables, o 37% presentaban deficiencias leves, e o 12% deron como consecuencia incumprimentos de maior importancia. Cómpre destacar que segue o bo grao de cumprimento das medidas covid nos sector da alimentación, xa que das visitas realizadas, o 59% deron como resultado que cumpren as medidas que lles son de aplicación, e no 18% atopáronse deficiencias menores.

No que atinxe á hostalería, na semana que vai do 15 ao 21, o 40% dos establecementos cumpría coas medidas sanitarias, mentres que nun 30% atopáronse deficiencias menores e nun 9% incumprimentos, permanecendo aínda pechados un 21% dos establecementos de hostelería visitados.

Nesta terceira semana de marzo, no total das visitas de inspección ao conxunto dos establecementos, o 40% dos incumprimentos son por non dispoñer de xel de mans ou este non estar debidamente rexistrado para o seu uso; seguido do apartado de aforos (20%). Na distribución dos incumprimentos desta terceira semana de marzo, obsérvase que a maior parte, o 75%, son no sector da restauración.

Sinalar que, tendo en conta que o obxectivo da campaña é o de asesorar sobre a normativa sanitaria, as medidas que se tomaron foron, sobre todo, o establecemento de prazos para emendar as deficiencias ou incumprimentos.

A campaña de reforzo estará activa ata o mes de abril, aínda que, en función da evolución da pandemia, revisarase a pertinencia de aumentar a duración da mesma.

Imaxes relacionadas