A Xunta publica no DOG a aprobación do proxecto de construción dunha senda na estrada PO-551, entre A Moureira e Palmás, no concello de Moaña

A intervención supón un investimento de arredor de 1,7 millóns de euros nos que se inclúe o pagamento dos 26 predios necesarios para a súa execución

Tras a análise das achegas presentadas e a petición do Concello, amplíase a senda en 300 metros para conectar na parte final coas beirarrúas existentes en Meira

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade procederá ao levantamento de actas previas e á licitación das obras no segundo semestre do ano

Construirase unha senda de 1,45 quilómetros de lonxitude en formigón coloreado e con treitos con zona axardinada, cunha sección dun mínimo de 1,5 metros

A intervención complementa e está coordinada co proxecto de eliminación dun treito de concentración de accidentes en Domaio, cun investimento de 570.000€
 

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2021- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do expediente de información pública e definitivamente o proxecto de construción dunha senda na estrada autonómica PO-551, entre A Moureira e Palmás, no concello de Moaña.

O investimento que o Goberno galego destinará a esta actuación ascende a preto de 1,7 millóns de euros, nos que se inclúe o pagamento dos 26 predios precisos para a súa execución. No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a este anuncio: https://xurl.es/6i73p

O Consello da Xunta autorizou o pasado xoves, día 25 de marzo, as expropiacións para a execución desta senda pola marxe dereita da estrada PO-551, entre os puntos quilométricos 29+220 e 30+920.

O departamento de Infraestruturas da Xunta prevé o levantamento de actas previas e a licitación das obras no segundo semestre do ano. Os traballos contan dun prazo de execución de 12 meses.

A Xunta, tras a análise das achegas presentadas ao proxecto inicial, e atendendo á solicitude do Concello, actuará ao longo dun tramo de 1,45 quilómetros da estrada, ampliándose en 300 metros a lonxitude da senda para facilitar a mobilidade dos peóns que acceden á PO-551 desde Meira para conectar na parte final coas beirarrúas existentes.

O novo itinerario proxéctase, na súa maior parte, en formigón coloreado e estará limitado exteriormente por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. Naqueles casos onde o espazo dispoñible sexa suficiente disporase tamén dunha franxa vexetal axardinada entre a senda e a calzada.

O ancho do itinerario será variable, sendo como mínimo de 1,5 metros, e a franxa axardinada, nas zonas onde se dispoña, será de 0,5 metros. Polo desnivel do terreo ao carón da estrada será necesario executar máis de 300 metros da senda ampliando a plataforma da calzada cunha estrutura en voadizo.

Os traballos incluirán, ademais, o acondicionamento da marxe da estrada e a roza das áreas adxacentes á senda, coa fin de mellorar a paisaxe e favorecer o uso do novo itinerario.

Esta actuación enmárcase no Plan de Sendas da comarca do Morrazo, que prevé a execución de 8 itinerarios seguros, sostibles e integrados na paisaxe, cun investimento superior aos 4,5 millóns de euros.

A senda compleméntase e está a coordinarse coa execución do proxecto de eliminación dun treito de concentración de accidentes nesta estrada, en Domaio, que suporá un investimento de arredor de 570.000 euros. A obra correspondente a esta mellora da seguridade viaria xa foi licitada o pasado 22 de decembro e prevese iniciar nesta primavera.

Neste caso, actuarase no tramo comprendido entre os puntos quilométricos 27+760, no paso de peóns da travesía de Meira á altura do centro de saúde, e o 32+670, na intersección coa vía provincial EP-1103, á saída de Domaio.