A Xunta impulsa as exportacións de pemes e autónomos en máis de 20 países a través da nova convocatoria do Plan Foexga

A Vicepresidencia económica e Consellería de Economía, Empresa e Innovación vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a iniciativa, que se readapta para responder ás necesidades xeradas pola actual situación económica

O programa, que se desenvolve en colaboración coas cámaras de comercio, conta nesta edición cun orzamento de 2,3 millóns de euros, e prevé beneficiar a arredor de 630 compañías

Desenvolveranse 160 accións de internacionalización, realizadas tanto en formato presencial como dixital

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2020

A Xunta vén de activar, mediante a súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), a nova convocatoria para pemes e autónomos incluída dentro do Plan de Fomento das Exportacións Galegas (Foexga), que no seu conxunto vai destinar 2,3 millóns de euros a impulsar 160 accións de internacionalización do tecido produtivo galego en máis de 20 países, das que se poderán beneficiar arredor de 630 compañías.

A nova edición do programa, que desenvolve a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape e en colaboración coas cámaras de comercio galegas, adáptase ao actual contexto do comercio a nivel mundial provocado pola pandemia da covid-19, as súas consecuencias económicas e as medidas de protección. Así, permítese que as empresas poidan participar nas accións de internacionalización en misións comerciais directas, feiras internacionais e en eventos promocionais durante 2021 e 2022 tanto en formato presencial como noutros alternativos, como o dixital.

Entre os mercados prioritarios para esta convocatoria do Foexga están China, India, Israel, Xapón, Portugal, Marrocos, Brasil, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas. Esta liña de axudas conta con cofinanciamento do fondo europeo Feder e leva facilitado desde 2014 que máis de 2200 pequenas e medianas empresas galegas melloren a súa presenza no exterior mediante a participación en 429 eventos internacionais, con apoios que acadaron os 9,4 millóns de euros ata o pasado ano.

Co obxectivo de fomentar a participación das pemes nas accións de promoción e favorecer a súa imaxe nos mercados exteriores, a convocatoria que vén de ser publicada no DOG cun orzamento de 2 millóns de euros compleméntase cun programa dotado con 300.000 euros para 2021 e destinado a que compañías de máis tamaño participen nos mesmos eventos, favorecendo así que actúen como tractoras das empresas de menor tamaño na súa expansión internacional.

Estas iniciativas forman parte das medidas que a Xunta ten activas este ano para impulsar a internacionalización do tecido produtivo galego e contribuír a que afronte a súa reactivación económica. Nestes momentos están abertas as novas convocatorias do Galicia Exporta Dixital -que conta con 6 millóns de euros para impulsar as vendas internacionais de pemes, autónomos e comercios a través de ferramentas dixitais innovadoras- e as axudas para a contratación de expertos en comercio exterior, que facilitarán a incorporación ao mercado laboral de 75 mozos e mozas e persoas maiores de 45 anos en situación de desemprego.

Oficina Brexit

Ademais, está en marcha a Oficina Brexit, o novo programa que permite ás compañías galegas exportadoras e importadoras coñecer e adaptarse aos novos requisitos derivados da saída do Reino Unido da Unión Europea. Contempla cinco servizos: as axudas do Cheque Brexit –das que está aberto o prazo de solicitude ata o 17 de maio–, unha nova Antena en Londres, a ferramenta de autodiagnóstico xa en funcionamento, o servizo Brexit Igape Responde e medidas complementarias de información e formación.

Imaxes relacionadas