Conde e o alcalde de Paradela estudan novas vías de cooperación para reforzar o tecido industrial do municipio lugués

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, informou ao rexedor, José Manuel Mato, dos diferentes programas cos que conta a Xunta para impulsar o investimento empresarial

Destaca as posibilidades que abre a nova Lei de reactivación para atraer novas iniciativas cara aos municipios e impulsar o emprendemento, prestando especial atención ao rural galego

Nos últimos anos, a Consellería apoiou ao Concello, empresas e veciños de Paradela con apoios por preto de 900.000 euros, mobilizando 2,7 millóns
 

Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta semana un encontro co alcalde de Paradela, José Manuel Mato, co obxectivo de estudar novas vías de cooperación para continuar reforzando o tecido industrial deste municipio lugués.

Na xuntanza o conselleiro informou ao rexedor municipal dos diferentes programas cos que conta a Xunta para impulsar o investimento empresarial, o desenvolvemento industrial, as enerxías renovables e a innovación, ademais dos apoios para os sectores máis afectados pola pandemia.

Neste sentido, entre 2009 e 2020 a Consellería de Economía, Empresa e Innovación apoiou ao Concello, empresas e veciños de Paradela con axudas por preto de 900.000 euros, coas que se impulsou unha mobilización público-privada de 2,7 millóns de euros en eidos como a enerxía, o comercio ou o financiamento empresarial.

No encontro co alcalde do municipio lucense, Conde destacou tamén as oportunidades que ofrece a nova Lei de reactivación para atraer iniciativas empresariais cara aos concellos e impulsar o emprendemento, avanzando na simplificación administrativa e facilitando os investimentos, con especial atención ao rural galego. Ao mesmo tempo, este marco normativo achega as máximas garantías xurídicas, urbanísticas e ambientais para contribuír á consolidación do tecido empresarial da Comunidade.

Dentro da Lei, tamén se recolle a figura dos Concellos Emprendedores, que permitiría a Paradela ter prioridade en ordes de axudas autonómicas vinculadas coa modernización empresarial, a innovación ou o emprego, a cambio do compromiso do Concello de rebaixar os seus impostos locais para favorecer a captación de novos investimentos empresariais neste municipio.

Imaxes relacionadas