A Xunta inicia o cribado no aeroporto de Alvedro con test para os pasaxeiros de 7 voos

Sanidade posibilita que todas as persoas que se acheguen a Galicia, por medio do aeródromo coruñés, poidan participar nos procesos de cribado

A primeira xornada transcorreu con normalidade, durante os primeiros voos desta mañá a participación acadou o 15%, sen detectarse ningún caso positivo entre as persoas testadas.

Durante a vindeira semana está previsto que se estendan os cribados entre os viaxeiros das instalacións ferroviarias de ADIF

Durante esta fin de semana o Sergas convocará para a realización de probas diagnósticas a máis de 10.000 persoas dos concellos que rexistran unha maior incidencia acumulada

Santiago de Compostela, 26 de marzo do 2021

A Xunta de Galicia iniciou esta mañá a realización de probas diagnósticas no aeroporto de Alvedro, testando aos pasaxeiros dos sete voos que na xornada de hoxe arribaron á cidade da Coruña.

Mediante a realización dun test de antíxenos, Sanidade posibilita que todas as persoas que se acheguen a Galicia, por medio do aeródromo coruñés, poidan participar nuns procesos de cribado que teñen como obxectivo a detección de casos asintomáticos.

Tralo convenio asinado na tarde de onte con Aena, Sanidade puxo en marcha o operativo para poder realizar as probas desde primeira hora desta mañá. Así, cómpre salientar que durante esta primeira xornada, a realización das probas transcorreu con total normalidade. Durante os primeiros voos desta mañá a participación acadou o 15%, sen detectarse ningún caso positivo entre as persoas testadas.

A Consellería de Sanidade agradece a Aena e ao do director do aeroporto da Coruña, Jesús Campo, a súa colaboración nas tarefas de organizativas vencelladas á realización destes cribados nas instalacións do aeródromo da Coruña.

Así mesmo, e na procura de estender a realización de probas ao conxunto de instalacións aeroportuarias galegas, no transcurso desta mañá a xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela, Eloína Núñez, e o xerente da área sanitaria de Vigo, Francisco Javier Puente, visitaron os aeroportos da capital galega e da cidade olívica, para determinar o lugar máis axeitado onde se realizarán, o antes posible, os cribados nas instalacións do aeroportos de Lavacolla e Peinador.

Ademais, a Xunta de Galicia ten previsto comezar, a mediados da semana que vén, os cribados nas estacións ferroviarias de ADIF.

Máis de 10.000 persoas chamadas a participar cribados poboacionais

O Sergas continúa a intensificar a realización de cribados poboacionais nas diferentes localidades galegas. Así, durante os vindeiros días convocará a máis de 10.000 persoas residentes nas poboación galegas que rexistran unha maior incidencia acumulada. Nomeadamente, está fixada a realización de test de antíxenos e probas PCR nos concellos de Abegondo, Saviñao, Beade, Cortegada, Padrenda, Sanxenxo ou Baiona.

Rexistro de viaxeiros

A Consellería de Sanidade convida a todas ás persoas que teñan a posibilidade de visitar Galicia nos próximos días, a incribirse no rexistro de viaxeiros habilitado na páxina web do Sergas.

Neste senso, lembra a existencia de dúas modalidades para proporcionar esta información ao Servizo Galego de Saúde, podendo escoller entre cubrir o formulario dispoñible na web https://coronavirus.sergas.gal/, ou ben, subministrar os seus datos chamando ao teléfono 881 00 20 21.