A obra gañadora do premio Condado de Pallares apoiado pola Xunta incide no valor patrimonial dos Caneiros

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, presentan 'Un patrimonio esquecido: caneiros do Miño en Guntín de Pallares' de Yolanda Vázquez

O galardón, promovido pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, pon en valor o patrimonio cultural e lingüístico galegos
 

Guntín (Lugo), 26 de marzo de 2020.- A obra gañadora da XII edición do Certame de Investigación Condado de Pallares, promovido pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares co apoio da Xunta de Galicia, incide no valor patrimonial dos caneiros do Miño e na importancia do seu papel no desenvolvemento socioeconómico. A Casa da Cultura do concello lugués acolleu hoxe á tarde o acto de presentación, no que participaron, canda á autora, Yolanda Vázquez, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias.

Durante a presentación, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou o carácter didáctico da obra e a “importancia da posta en valor dun aspecto do patrimonio cultural galego pouco estudado”, como son os caneiros do río Miño, un tipo de construción tradicional ligada á hidráulica que se remonta á época romana e que conta cun importante valor histórico. O secretarario xeral recordou ademais que este galardón, que afonda no patrimonio lingüístico, artístico, antropolóxico e etnográfico, “constitúe xa unha das referencias da investigación humanística en Galicia, arredor dos estudos do presente, do pasado e do futuro da lingua e cultura propias”.

Ademais dos representantes da Administración autonómica, tamén participaron na presentación a alcaldesa de Guntín, María José Gómez; o alcalde de Taboada, Ramiro Moure; o alcalde de Chantada, Manuel Varela, e o presidente da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, entidade convocante, Carlos Vázquez.

Premio á investigación en galego

A Xunta de Galicia colabora con este premio -impulsado pola Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, canda os concellos de Guntín, Taboada e Chantada e mais a Deputación Provincial de Lugo e Caixa Rural Galega- cos obxectivos de favorecer a investigación en galego sobre a arte, a antropoloxía, a lingua ou a etnografía de Galicia a través de estudos que permiten afondar no coñecemento e tamén no recoñecemento dos valores materiais e inmateriais da cultura galega.

Ao longo da súa traxectoria, o certame premiou traballos realizados sobre diversos ámbitos da cultura galega vinculados aos territorios que no século VI se constituíron baixo o Condado de Pallares e que hoxe abarcaría os concellos de Taboada, Guntín, Portomarín, Chantada e Carballedo: Modernización dunha Comunidade do Rural Galego: Análise antropolóxica das iniciativas vinculadas ao concello de Chantada (Almudena Figueiras Río), O trazado da vía romana Lucus Augusti – Aquis Querquennis na provincia de Lugo (Xoán Manuel Sobrado Vázquez), O galego en Zolle. Guntín (Xosé Luís Vázquez Somoza), Morgados e xurisdicións na Terra e Condado de Taboada. Séculos XV – XVIII (Xosé Luís Díaz-Castroverde Lodeiro), As bandas de música no concello lucense de Guntín. De 1870 ata o presente (Federico Vázquez), A presenza do mestre Mateo no sur da provincia de Lugo. O taller de Portomarín e os seus colaboradores (Begoña González Aguiar), A Chantada fabril. Os curtidoiros do Asma na Idade Contemporánea (Claudio Otero Eiriz), O mosteiro de Ferreira de Pallares. Evolución arquitectónica e estudo da súa ferrería (José Ángel Santos Núñez), A cultura castrexa e galaico – romana no Condado de Pallares (Javier Gómez Vila e Mar Neira González), Madriñas de brazo, padriños de pía: apadriñamento e bautismo no suroeste de Lugo. Séculos XVI – XIX (Tamara González López), Traslado de tres templos románicos no Condado de Pallares (Alberta Lorenzo Aspres) e Percorrido polos caneiros do Miño pertencentes a Guntín de Pallares (Yolanda Vázquez Vázquez).