Emigración coñece no concello de Boqueixón un proxecto empresarial en plataforma dixital dun galego retornado apoiado pola Xunta

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitou esta mañá o concello coruñés, acompañado do delegado da Xunta nesta provincia, Gonzalo Trenor, e do alcalde da localidade, Manuel Fernández Munín, recordando que en 2020 beneficiáronse un total de 94 emigrantes retornados a través das axudas de emprendemento, sendo 9 deles veciños dalgún concello da comarca de Santiago

Dende a posta en marcha deste programa, foron case 300 os galegos retornados que crearon proxectos empresariais con axuda de Emigración

A nova liña de axudas ao emprendemento dos retornados publicarase o próximo luns, día 29

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2021

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, desprazouse hoxe ata o concello de Boqueixón, acompañado do delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e do alcalde da localidade, Manuel Fernández Munín, para coñecer o proxecto empresarial dun mozo retornado do Reino Unido que puxo en marcha un negocio on line, en concreto, un tutorial de carpintería en Youtube.

Manuel Sangiao contou cunha axuda de 7.000 euros deste departamento autonómico a través do programa de Axudas ao Retornado Emprendedor. O seu proxecto pode seguirse a través do enlace. Baixo o nome “Lápiz de Carpintero”: https://www.youtube.com/channel/UCvxiBSe3I_5sshhzoi_qWLg, onde dun xeito ameno, forma aos seus seguidores en temas de carpintería e bricolaxe.

Miranda aproveitou a visita para recordar que a nova liña de axudas, que permitiu que 94 emprendedores retornados, moitos deles residentes nun concello do rural coma Boqueixón, se beneficiaran dun apoio económico en 2020, publicarase o próximo luns, día 29, cun orzamento de 800.000 euros.

En 2020 a provincia da Coruaña contou con 42 beneficiados por estas axudas. Na comarca de Santiago, beneficiáronse 9 galegos retornados: 6 na cidade do Apóstolo, 1 en Ames, outro en Teo e outro en Boqueixón.

Dende a posta en marcha deste programa, foron case 300 os galegos retornados que xa crearon un proxecto empresarial apoiado a través da Secretaría Xeral da Emigración.

Esta iniciativa autonómica permite ás e aos galegos que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio con ata 8.000 euros de subvención.

Trátase dunha liña de subvencións que ten como fin favorecer o retorno a nosa comunidade autónoma dos galegos residentes no exterior de xeito que poidan fixar a súa residencia e integrarse social e laboralmente na sociedade, realizando nela as súas actividades empresariais e profesionais, favorecendo así o desenvolvemento do tecido empresarial de Galicia.

Trátase dunha das máis de 50 medidas incluídas na Estratexia Galicia Retorna, de carácter transversal e coordinado pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia e cun investimento de máis de 235 millóns de euros.

Imaxes relacionadas