O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta o informe xunto a representantes das tres universidades galegas participantes no proxecto

Un estudo das universidades galegas salienta a crecente profesionalización e especialización dos xestores culturais

A investigación constata a progresiva incorporación das mulleres ao sector e identifica a este colectivo como experimentado e cada vez máis preparado

O informe, encargado pola Xunta, focalízase nos profesionais dos concellos galegos e realiza unha diagnose e avaliación da súa situación formativa e sociolaboral

Tamén identifica a necesidade de ampliar formación xurídica e tecnolóxica e incentivar a súa estabilidade no cadro de persoal das administracións locais

Anxo M. Lorenzo expresa a importancia de contar con ferramentas académicas que contribúan a guiar ás administracións na mellora e reactivación da cultura

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe o Informe Xerf@ Formación e profesionalización da acción cultural pública en Galicia xunto a representantes das tres universidades galegas participantes neste proxecto impulsado pola Xunta. Realizado polo grupo de investigación de Pedagoxía Social e Educación Ambiental (SEPA-interea) da Universidade de Santiago (USC) e persoal das outras dúas universidades, o estudo realiza un diagnóstico e unha avaliación da actividade profesional e sociolaboral dos traballadores de acción cultural dos concellos galegos. Demostra, entre outros aspectos, unha crecente e progresiva incorporación das mulleres ao sector e identifica aos xestores culturais como persoas con demostrada experiencia e cada vez con maiores índices de formación.

Como expresou, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, trátase dunha ferramenta “útil e necesaria” para seguir afondando na mellora do sector cultural a través dun diagnóstico e análise “rigorosos” con propostas, recomendacións e suxestións que poderán orientar as decisións futuras nas distintas administracións.

“Na Xunta de Galicia somos sensibles ás necesidades e demandas dos profesionais da cultura e agora máis que nunca é importante traballar en coñecer as súas debilidades e fortalezas apoiando proxectos académicos como este”, engadiu. Anxo M. Lorenzo aludiu ás conclusións que constatan un crecemento na formación especializada destes profesionais e tamén identifica necesidades que se terán en conta na planificación para adaptarse ás novas contornas sociais. Neste senso, recordou que a Estratexia da Cultura Galega servirá de guía neste camiño de mellora da profesionalización no sector e tamén no seu proceso de reactivación, acompañándose, entre outras iniciativas, con novas normativas que se centrarán na transformación dixital e na inclusión e accesibilidade cultural.

O Informe Xerf@ Formación e profesionalización da acción cultural pública en Galicia nace de anos de interese e reflexión en torno á acción cultural pública en Galicia. Aborda diferentes aspectos do traballo emprendido polos xestores culturais dos concellos galegos. No que se refire ao ámbito socioprofesional e laboral, o estudo constata que o persoal responsable da acción cultural municipal en Galicia ten un perfil heteroxéneo cunha crecente e progresiva incorporación de mulleres á profesión e unha vinculación laboral relativamente estable. Trátase dun colectivo profesional experimentado, pois case un 60% dos seus profesionais superan os 15 anos de desempeño profesional e, ademais, cada vez son máis os titulados universitarios.

Os traballadores da cultura no ámbito municipal identifican tres necesidades formativas fundamentais: as referidas a cuestións xurídicas e lexislativas, ao uso de novas tecnoloxías e a aspectos ligados á planificación e á acción cultural. Tamén se identifica a necesidade de mellorar e ampliar a participación na formación complementaria específica en cultura para fomentar a reciclaxe profesional. A principal limitación declarada para non participar nesta formación é a sobrecarga de traballo e, en menor medida, as dificultades de conciliación e a ausencia dunha oferta de actividades que verdadeiramente responda aos seus intereses.

Boa resposta da cidadanía

En canto ao perfil dos técnicos de cultura constátase que o deseño, difusión, coordinación e execución de iniciativas culturais continúa sendo o eixo central do seu quefacer. Estes profesionais avalían moi positivamente a resposta que a cidadanía realiza do seu traballo e as facilidades que lles ofrece a institución na que desenvolven o seu labor. No que se refire á colaboración predomina a concertación para a elaboración do informe con outros profesionais da xestión cultural: o 86% afirma manter algún tipo de colaboración con outros técnicos e xestores da cultura, sobre todo a través de asociacións.

En base aos resultados, os investigadores identifican outra serie de aspectos a poder incorporar para mellorar a experiencia e traballo dos xestores culturais en Galicia. Entre elas, inclúese incentivar a estabilidade permanente no cadro de persoal das institucións locais ou concretar de maior xeito as funcións, responsabilidades e titulacións de acceso dos responsables da acción cultural municipal.

O estudo elaborouse baixo a dirección e coordinación dos profesores José Antonio Caride, catedrático de Pedagoxía Social na Universidade de Santiago de Compostela, Héctor Pose, doutorado de Pedagoxía e Didáctica da Universidade da Coruña, e Xosé Manuel Cid, decano da Facultade de Educación e Traballo social na Universidade de Vigo, cun equipo de investigadores das tres universidades galegas. Recolle e sintetiza en nove capítulos as capacidades culturais do futuro. Este traballo da continuidade ás liñas de investigación abertas desde 2007 neste eido avaliando as carencias, necesidades e demandas formativas dos responsables técnicos das institucións de titularidade pública e privada de interese público en Galicia.

Imaxes relacionadas