Máis de 160 persoas participan hoxe na última convocatoria das probas para obter e renovar a habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos

O novo proxecto de decreto que regulará a actividade substituirá estas probas anuais por un curso de 6 horas na AGASP

O documento actualiza o decreto vixente desde 2010 para adaptar este servizo á nova realidade e ampliará a vixencia da habilitación de 5 a 10 anos

Os aspirantes participaron na proba de coñecementos e no test psicolóxico para contar coa certificación necesaria que acadaron nos últimos anos máis dun milleiro de persoas

A Estrada (Pontevedra), 26 de marzo de 2021

A Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP) acolleu hoxe a última proba anual para a obtención e renovación da habilitación como persoal de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas, á que están convocadas máis de 160 persoas.

Os aspirantes participaron nunha proba de coñecementos e na realización dun test psicolóxico. Para obter a habilitación deberá obterse a cualificación de apto nas dúas probas e no caso da renovación só se terán que presentar á proba psicolóxica.

Trátase da última edición destas probas que se veñen realizando desde que en 2010 o Goberno galego aprobase o decreto co que regular os requisitos que deben cumprir os controladores de acceso para contar coa habilitación da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior que lles permite exercer as súas funcións. O Consello da Xunta xa aprobou o proxecto de decreto que, coa súa entrada en vigor un mes despois da súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), actualizará esta normativa vixente e substituirá estas probas anuais por proceso máis curto a través dun curso de 6 horas convocado pola AGASP que será necesario superar.

Para a admisión neste curso, requirirase achegar un certificado de aptitude psicolóxica expedido por un centro médico-psicolóxico ou persoal autorizado xunto cun certificado de antecedentes penais. Esta mesma documentación tamén se terá que presentar no momento da renovación da habilitación, cuxa vixencia pasará no novo decreto de 5 a 10 anos.

Entre as funcións do persoal de acceso, atópanse as de controlar a entrada das persoas ao establecemento, comprobar a súa idade e identidade, controlar a adquisición da entrada ou localidade, supervisar que non se exceda a capacidade máxima autorizada, vixiar que as bebidas non sexan sacadas do local, prohibir o acceso fóra do horario de peche, e incluso, se fora necesario, auxiliar ás persoas que se encontren feridas e chamar ao teléfono de emerxencias correspondente. Máis de 1.000 persoas xa acadaron desde a aprobación da normativa vixente a habilitación en vigor para realizar as funcións de control de acceso a espectáculos públicos e actividades recreativas.

O Goberno galego pretende co novo decreto unha regulación dos requisitos que debe cumprir o persoal de acceso para exercer as súas funcións máis práctica e adaptada á realidade e á normativa actual. Así, simplificaranse e axilizaranse os procesos tanto para a obtención como para a renovación da habilitación, e reformularase o temario da proba de coñecementos, incluíndo as especificidades, entre outros aspectos, dos establecementos do xogo e da normativa vixente en materia de espectáculos públicos.
Por outra parte, o decreto incluirá como novidade a obriga de dispoñer de persoal de control de acceso habilitado en todos os establecementos abertos ao público, espectáculos públicos e actividades recreativas que teñan prohibido o acceso a menores, así como os establecementos con capacidade para máis de 500 persoas e os espectáculos públicos e actividades recreativas que se leven a cabo en recintos pechados que precisen plans de autoprotección.

Imaxes relacionadas