Luis López apela aos valores do Camiño de Santiago “para facer que Galicia sexa cada día máis grande” na inauguración do monumento da Vieira de Tui

O delegado territorial da Xunta asiste ao descubrimento desta escultura no punto de partida do Camiño Portugués e agradece á asociación de comerciantes e ao pobo de Tui a súa contribución á ruta de peregrinaxe

O representante autonómico destaca a importancia estratéxica, económica e social do Camiño de Santiago e do Ano Santo e amosou a súa confianza en que serán un elemento chave para Galicia, xa que ademais o Xacobeo extenderase ata 2022

Tui (Pontevedra), 26 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, apelou aos valores propios do Camiño de Santiago e dos peregrinos “para facer que Galicia sexa cada día máis grande e teña máis futuro” durante o acto de inauguración do Monumento da Vieira de Tui, impulsado pola asociación de comerciantes Acitui e que quedou emprazado en plena Praza de Galicia da vila tudense.

O representante autonómico, que foi o encargado de descubrir esta nova icona do Camiño Portugués na súa localidade de partida, quixo agradecer ao colectivo comercial e ao pobo de Tui a súa contribución a esta ruta de peregrinaxe. “Sodes uns grandes embaixadores das rutas xacobeas e un exemplo de acollemento e hospitalidade aos camiñantes”, indicou.

Luis López tamén se lembrou das máis de 2.300 persoas que, tristemente, faleceron como consecuencia da covid-19 e convidou a todos os galegos a “seguir aplicando a responsabilidade, a solidariedade, o esforzo, o sacrificio, o compañeirismo, a amizade, a unión e a loita contra a adversidade, valores tan propios do Camiño, para dobregar ao virus e protexer a saúde dos galegos”.

O delegado territorial cualificou o Monumento da Vieira como “unha perfecta icona que vai visibilizar a centralidade e importancia de Tui” como punto de partida do Camiño Portugués, que percorre 18 concellos galegos ata chegar a Santiago de Compostela e que está considerada como a segunda ruta peregrina en importancia atendendo ao volume de camiñantes.

Finalmente, destacou a importancia estratéxica do Camiño de Santiago e do Ano Santo nos eidos turístico, social, económico e relixioso e amosou a súa confianza en que “será un elemento fundamental para a reactivación, tan pronto como se supere a pandemia, xa que ademais contamos coa merecida oportunidade de que sexa dobre e chegue ata o ano 2022”.

Imaxes relacionadas