A Xunta inicia as obras de mellora do firme na avenida da Paz, no concello de Ribeira

A intervención conta cun investimento autonómico de máis de 48.000 euros e cun prazo de execución estimado de 2 meses

Os traballos realízanse no treito da estrada PO-309 que se corresponde coa avenida, entre os puntos quilométricos 0+050 e 1+550

Tamén se acometerán actuacións de conservación para poder acondicionar o pavimento de toda a súa lonxitude

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade continúa traballando na mellora da estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria e mellorar as prestacións aos usuarios

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2021

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de iniciar as obras de mellora do firme na avenida da Paz, no municipio de Ribeira.

A intervención foi adxudicada á empresa Construcciones J Mauri e hijos SL por un importe de máis de 48.000 euros, e está a levarse a cabo no treito da estrada autonómica PO-309 entre os puntos quilométricos 0+050 e 1+550, que se corresponden coa dita avenida.

Os traballos teñen un prazo de execución estimado de dous meses e consisten na rehabilitación do firme neste treito. A actuación completarase con accións de conservación da Xunta para poder acondicionar o pavimento de toda a súa lonxitude.

En concreto, fresaranse dúas cuñas triangulares na parte exterior de cada carril para dar encaixe a unha nova capa de rodadura.

Tamén se estenderá mestura bituminosa en quente como capa de rodadura sobre o firme existente.

A Xunta continúa traballando na mellora da estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria e mellorar as prestacións aos usuarios.

Imaxes relacionadas