A Xunta oferta 3.716 prazas públicas en escolas infantís para o curso 2021/2022 na provincia de Pontevedra e abre o prazo de solicitude ata o 12 de abril

O delegado territorial, Luis López, anuncia, nunha visita ao servizo do Edificio Administrativo de Campolongo, que a oferta, dotada con 60 centros, ampliarase ao longo do curso coa apertura da de Salvaterra do Miño

A Consellería de Política Social implantará, por segundo curso consecutivo, a gratuidade total para os segundos fillos e sucesivos co obxectivo de facilitar a conciliación e axudar ás economías familiares

Pontevedra, 26 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia vai ofertar 3.716 prazas públicas autonómicas na rede de escolas infantís A Galiña Azul na provincia de Pontevedra para o vindeiro curso 2021/2022 tras a correspondente publicación da planificación de centros.

Ademais, a Consellería de Política Social acaba de abrir o período de solicitude de praza ata o 12 de abril e informa de que a mesma pode formalizarse por medios telemáticos a través da sede electrónica da Xunta de Galicia. En caso de dúbida, os usuarios poden recabar información nos propios centros infantís.

Por este motivo, o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, realizou esta mañá unha visita á escola infantil do Edificio Administrativo de Campolongo para explicar a planificación desta prestación en toda a provincia e confirmou que, para o vindeiro curso, manteranse as 60 escolas infantís e ampliarase a oferta ao longo do ano coa nova apertura en Salvaterra do Miño.

A relación de centros encabézase principalmente nas cidades, xa que Vigo e Pontevedra contan con 8 e 6 escolas infantís públicas da Xunta, respectivamente, aínda que tamén destacan en Marín e Mos, con 3 centros autonómicos en cada concello, e en Lalín, Cangas, O Porriño, Tomiño e Vilagarcía, con dous en cada caso

Deste xeito, na provincia de Pontevedra haberá un total de 257 unidades de atención infantil en funcionamento que comezarán a súa actividade o 6 de setembro de 2021 cun tempo máximo de ata once meses e oito horas diarias por cativo.

Ademais, a Consellería de Política Social mantén, por segundo curso consecutivo, a gratuidade total de matrícula e servizos nas escolas infantís de Galicia –incluíndo as municipais, de iniciativa social e privadas– dos segundos fillos e consecutivos tras a súa implantación hai un ano co obxectivo de facilitar a conciliación e axudar ás economías familiares.

“Temos unha gran rede de escolas infantís que, ademais de atender axeitadamente aos nosos cativos e contribuír a que comecen paseniñamente coa súa formación, amosáronse como un lugar seguro fronte á covid-19”, explicou o delegado territorial, que tamén puxo en valor a gratuidade para os segundos fillos e sucesivos, “xa que se trata dunha medida pioneira e única en España que amosa o compromiso que temos coas familias, coa súa calidade de vida e co favorecemento da conciliación”. “Creo que é unha medida que apoia de xeito real e práctico ás familias e ademais é máis necesaria ca nunca polos adversos efectos socioeconómicos da pandemia”, indicou o delegado.

Deste xeito, Galicia afrontará o vindeiro curso 2021/2022 de atención infantil cun total de 173 escolas públicas de titularidade autonómica cunha oferta de 10.383 prazas, das que 1.132 pertencen a Pontevedra e a súa contorna, e complementa este servizo de conciliación, nos concellos menos poboados, con case 80 casas niño que roldarán o cento ao longo deste ano coa apertura prevista dunha vintena máis.

Imaxes relacionadas