A Xunta defende o impulso da competitividade da industria forestal galega como un dos principais retos da transición ecolóxica

O vicepresidente segundo e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, participou esta mañá no webinario ‘Retos e expectativas da industria forestal galega’

O 57% das empresas do sector consultadas prevé incrementar a súa facturación este ano, segundo a enquisa realizada a través da Escola de Enxeñaria Forestal da Universidade de Vigo para avaliar como afronta esta industria o actual contexto

Conde avoga por aproveitar a oportunidade que supoñen os fondos Next Generation para esta industria e por fomentar a colaboración público-privada para que as pemes forestais gañen en tamaño e competitividade

Santiago de Compostela, 26 marzo de 2021

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou que o impulso da competitividade forestal galega é un dos principais retos da transición ecolóxica. Así o asegurou esta mañá durante o webinario Retos e expectativas da industria forestal galega, no que se presentaron os datos da segunda enquisa sobre o sector elaborada pola Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo.

Conde destacou que os datos reflicten que esta industria está demostrando unha gran capacidade de resiliencia ante a crise da covid-19 e que as asociacións empresariais son actores fundamentais como interlocutores coa Administración para coñecer o estado do sector e as súas demandas e necesidades.

Así, tal e como explicou, reduciuse á metade a porcentaxe de empresas que recoñecen que a pandemia lles está afectando moi negativamente; o 98% das empresas participantes non tivo que declararse en concurso de acredores; o 12% das empresas prevé un aumento dos investimentos previstos para este ano –cinco puntos por riba da enquisa realizada en 2020– e o 57% conta con incrementar a súa facturación neste exercicio.

O vicepresidente segundo apostou por consolidar esta tendencia e referiuse aos fondos Next Generation como unha oportunidade excepcional para avanzar cara a unha Galicia máis verde e poder xerar un impacto transformador en toda a cadea de valor desta industria. O obxectivo é conseguir un maior aproveitamento e optimización dos recursos forestais; impulsar a economía circular e a bioeconomía; fomentar a eficiencia enerxética e apostar pola dixitalización e a incorporación de tecnoloxías avanzadas nas cadeas de produción das empresas.

Como exemplo, Conde citou un dos proxectos tractores da Xunta: a xestión sustentable dos bosques galegos, que contempla a creación dunha fábrica de fibras téxtiles a partir da madeira e residuos celulósicos; e TechMadeira, que permitirá un investimento de máis de 38 millóns de euros para impulsar a construción en madeira e para levar a dixitalización e a innovación ás empresas da industria forestal.

Conde defendeu a importancia de apostar pola colaboración público-privada para que as pemes desta industria gañen en tamaño e competitividade e lembrou o apoio da Xunta a través da Axencia Galega da Industria Forestal (Xera), e da Estratexia de Impulso á Biomasa.

Imaxes relacionadas