Seguirase un estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19

A Xunta convoca o 22 de abril o acto expropiatorio de pagamento de depósitos previos para actuar nun treito de concentración de accidentes na PO-551 en Domaio, en Moaña

As obras contan cun investimento de arredor de 570.000 euros e atópanse en fase de contratación, co obxectivo de inicialas esta primavera

Actuarase nos cruces na área da Cerradiña e no porto de Domaio e instalarase sinalización intelixente nos pasos de peóns para aumentar a visibilidade

Construiranse dous novos pasos de peóns, un no punto quilométrico 29+225, xunto á parada de bus, e outro no 29+540, para o cruzamento dunha futura senda

Tras a análise das alegacións, incorpórase a posibilidade de xirar á esquerda no punto quilométrico 31+630 desde a PO-551 para acceder á vía provincial EP-1103

A actuación complementa a senda prevista, entre A Moureira e Palmás, para cuxa execución o Consello da Xunta aprobou onte o decreto de expropiacións

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2021

A Xunta convoca para o vindeiro día 22 de abril o acto expropiatorio necesario para executar as obras de eliminación dun treito de concentración de accidentes na estrada autonómica PO-551, en Domaio, no concello de Moaña.

Segundo publica o Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, a convocatoria para o pagamento de depósitos previos e a formalización das actas de ocupación fíxase para o citado día 22 de abril, das 11,00 ás 13,00 horas na Casa do Concello de Moaña.

O proxecto, cun investimento autonómico de arredor de 570.000 euros, permitirá actuar no treito comprendido entre os puntos quilométricos 27+760, no paso de peóns da travesía de Meira á altura do centro de saúde, e no 32+670, na intersección coa vía provincial EP-1103, á saída de Domaio. As obras atópanse en fase de contratación e o obxectivo é poder inicialas na primavera.

Os traballos previstos centraranse na mellora de interseccións, como a da área recreativa da Cerradiña ou a do porto de Domaio, na que se executará una glorieta. Esta última permitirá os xiros en condicións seguras nese punto e contribuirá ao calmado do tráfico.

Tamén se acondicionarán os pasos de peóns, con sinalización intelixente para facilitar a súa percepción. Así, instalaranse sinais verticais luminosos e puntos de luz específicos para o seu alumeado con detectores de presenza de peóns. Ademais, limitarase o aparcamento nos 10 metros anteriores para aumentar a súa visibilidade.

O proxecto prevé a construción de dous novos pasos de peóns, un no punto quilométrico 29+225, xunto á parada de bus, e outro no 29+540, para o cruzamento dunha futura senda. As obras tamén mellorarán o paso de peóns da travesía de Meira, fronte ao centro de saúde.

Renovaranse as barreiras de seguridade e reporanse algúns sinais verticais, que serán substituídos por outros de maior reflectancia coa fin de facilitar a percepción da estrada en horario nocturno. Tamén se colocarán bandas transversais de alerta á entrada da travesía de Domaio desde Rande.

Achegas incorporadas ao proxecto

A Xunta, tras a análise das alegacións presentadas, incorporou no proxecto a posibilidade de xirar á esquerda no punto quilométrico 31+630 desde a estrada PO-551 para acceder á estrada provincial EP-1103. Ademais, na contorna da nova glorieta proxectada no punto quilométrico 31+580, ampliarase o ancho da beirarrúa anexa á edificación existente na marxe dereita.

Durante a execución da obra e de acordo cos criterios de funcionamento da estrada, determinarase o punto exacto máis axeitado para situar o cruzamento peonil no punto quilométrico 31+920.

Este proxecto compleméntase e está a coordinarse co dunha senda nesta mesma estrada PO-551, entre A Moureira e Palmás, tamén en Moaña. O Consello da Xunta autorizou onte as expropiacións precisas para executar esta actuación, que conta cun investimento de case 1,7 millóns de euros, nos que se inclúe o pagamento dos 26 predios precisos para levala a cabo.

Protocolo covid-19

Os actos expropiatorios realízanse seguindo o estrito protocolo de medidas preventivas para evitar riscos de contaxio por mor da covid-19.

Así, para garantir o proceso e todas as medidas de seguridade sanitaria establécese que o local debe dispoñer dunha superficie suficiente para garantir a separación mínima, zona de espera ampla e ventilación e limpeza frecuente, onde non se poderá superar o límite de aforo, ademais de contar con carteis informativos e xeles hidroalcohólicos. Mentres, os titulares das fincas teñen a obriga de asistir con máscara, ir só as persoas estritamente necesarias e non acudir no caso de presentar febre ou síntomas respiratorios.