O conselleiro do Medio Rural e a directora xeral de Desenvolvemento Rural presidiron a entrega dos títulos de propiedade, dando así por rematado este proceso

A Xunta investiu 1,7 M€ na parcelaria de Niñodaguia, en Baltar, que supuxo a reorganización dunhas 570 hectáreas

Un total de 180 propietarios víronse beneficiados desta reestruturación, que permitiu multiplicar por seis a superficie media das parcelas resultantes

O conselleiro anunciou que nos vindeiros meses entregaranse os títulos doutras cinco zonas, beneficiando a case 1.570 veciños galegos

Lembrou que se acaban de decretar dúas novas parcelarias no concello lugués de Outeiro de Rei e que está a exposición pública o estudo previo de iniciación doutros tres novos procesos en Ordes, Friol e Castro de Rei

Ademais, tendo en conta o compromiso adquirido pola Xunta de decretar novos procesos a medida que se vaian finalizando outros, nos vindeiros meses serán declarados uns 23 procesos a maiores

Baltar (Ourense), 26 de marzo de 2021

A Xunta dá por finalizada a concentración parcelaria de Niñodaguia, no concello ourensán de Baltar, tras entregarse esta mañá os 741 títulos de propiedade a 180 propietarios. Un proceso no que a Xunta investiu 1,7 millóns de euros para reorganizar preto de 570 hectáreas de superficie. O acto, que cumpriu todas as medidas sanitarias recomendadas, foi presidido polo conselleiro do Medio Rural, José González, e pola directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, acompañados do alcalde, José Antonio Feijóo.

Deste xeito, trala reestruturación da terra, os propietarios viron incrementada a superficie media das súas parcelas, pasando duns 1.200 m² a máis de 7.200 m², tras reconverter 4.326 predios en 741 fincas. Unha remodelación, apuntou o conselleiro, que dota ás explotacións da zona de máis base territorial, o que redunda nunha diminución de custos para estas granxas.

Esta entrega súmase ás realizadas nos concellos de Touro e Coristanco, na provincia da Coruña, e de Riotorto, na de Lugo. Nas vindeiras semanas seguiranse rematando máis procesos de concentración parcelaria, tal e como salientou José González, coa previsión de entregar preto de 3.000 títulos de propiedade a 1.570 veciños.

Ademais, o titular de Medio Rural lembrou o compromiso adquirido pola Xunta de, por cada parcelaria pechada, decretarase unha nova. Así, José González destacou que onte mesmo foron aprobados dous novos procesos no concello lugués de Outeiro de Rei e está a exposición pública -no Diario Oficial de Galicia- o estudo previo de iniciación de novos procesos en Viladonga, no concello lugués de Castro de Rei; en Seoane da Pregación, no tamén lucense municipio de Friol; e en Poulo, na localidade coruñesa de Ordes.

Neste senso, o conselleiro avanzou que, cumprindo o compromiso adquirido polo Goberno galego, iranse decretando novas parcelarias a medida que se vaian rematando estes procesos. Así, José González anunciou que, nun prazo aproximado dun ano, a Consellería decretará outros 23 novos procesos en Galicia.

Estas novas reestruturacións parcelarias -iniciadas ao abeiro da Lei de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia (Metaga)- teñen unha concepción moderna da mellora das estruturas, orientadas a favorecer o desenvolvemento económico das explotacións. Ademais, a través da futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, arestora en tramitación no Parlamento galego, seguiranse impulsando estes procesos á vez que se apostará tamén por instrumentos de mobilización voluntarios que permitan unha maior participación dos interesados na explotación das terras, como son os polígonos agroforestais, as agrupacións de xestión conxunta da terra, a iniciativa das aldeas modelo ou as permutas de especial interese agrario, entre outras.

Nesta liña, o conselleiro remarcou que o seu departamento destina máis de 12 millóns de euros en seguir traballando nos 96 procesos de concentración parcelaria que a día de hoxe están abertos.

Información xeorreferenciada

Ademais, cabe sinalar que se pon a disposición de todos os interesados a descarga da representación gráfica xeorreferenciada das novas fincas resultantes da concentración parcelaria na páxina web da propia Consellería (https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/concentracions-parcelarias-procesos).

Estes ficheiros descargables, no formato europeo INSPIRE de parcela catastral (GML), poderán ser utilizados para posteriores operacións que necesiten dunha inscrición rexistral. Isto permite dar unha maior seguridade aos datos de ubicación, delimitación e superficie dos predios que sexan obxecto do tráfico xurídico posterior á concentración parcelaria.

Deste xeito, dáse cumprimento ao establecido na Lei Hipotecaria e no texto refundido da Lei do Catastro Inmobiliario, trala súa reforma pola Lei 13/2015, do 24 de xuño, como sistema de coordinación entre o Catastro Inmobiliario e o Rexistro da Propiedade, facilitando a incorporación da descrición gráfica xeorreferenciada.

Imaxes relacionadas