O secretario xeral de Cultura preside a apertura de ‘Imaxes de pedra’, de Rosa Elvira Caamaño

A Xunta inaugura no Museo das Peregrinacións a segunda das mostras previstas para este ano arredor do Camiño de Santiago

A mostra fai unha recreación de elementos escultóricos dos edificios históricos máis destacados da Ruta Xacobea

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou hoxe no Museo de Peregrinacións e de Santiago Imaxes de pedra, de Rosa Elvira Caamaño, a segunda das mostras previstas para este Ano Xacobeo arredor do Camiño de Santiago neste centro museístico.

Anxo M. Lorenzo salientou a Ruta Xacobea como “un fenómeno universal que serviu ao longo dos anos para definir e proxectar ao mundo a nosa idiosincrasia como pobo”, que sinalou como “un feito con múltiples dimensións, cultural, patrimonial, social, económica ou turística”.

O secretario xeral de Cultura destacou a ampla traxectoria de Rosa Elvira Caamaño e a súa contribución a levar a nosa arte e a nosa cultura alén das nosas fronteiras, a través de exposicións realizadas en Nova York, Rusia ou Polonia. “Representa unha xeración de artistas galegas que teñen creado escola na pintura e nas artes plásticas”, afirmou.

Así mesmo, quixo destacar a oportunidade que Imaxes de pedra supón para contemplar unha recreación de elementos escultóricos e artísticos característicos dalgúns dos edificios históricos máis destacados do Camiño. E poder facelo no Museo das Peregrinacións, “un espazo que atesoura unha parte importante da historia das peregrinacións mundiais, da peregrinación a Santiago e da propia historia da cidade”, e que foi creado para aproximar á sociedade a este fenómeno universal como é o Camiño de Santiago.

Homenaxe aos oficios artesanais

A mostra está dividida en dúas seccións. A primeira delas, Imaxes de pedra desde París a Compostela, fai unha recreación pictórica dunha escolma dalgunhas pezas máis características de varios edificios da ruta do Apóstolo como o Santiago Peregrino da torre de Saint Jacques (París), Rei ancián músico do friso da portada da catedral de Moissac, o capitel do Sátiro da catedral de Jaca, o Pantocrátor da igrexa de San Martín de Frómista (Palencia) ou o parteluz do Pórtico da Gloria. A segunda sección, Xardíns do Paraíso, recrea os xardíns medievais, que intentaban representar o Paraíso, a Xerusalén celestial e o mundo descrito na Biblia, no que reina a beleza e a harmonía.

A autora busca coa mostra facer unha homenaxe aos creadores orixinais das imaxes, artesáns nómadas e pobres de oficio herdado en moitas ocasións, que deixaron un valioso legado para as xeracións posteriores. Así mesmo, destaca o seu papel como predecesores dos movementos artísticos que naceron nos séculos posteriores e a súa influencia nos movementos máis innovadoras do século XX, como o expresionismo, o surrealismo e o cubismo.

Rosa Elvira Caamaño Fernández (Bueu, 1954) é licenciada e doutora en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de San Fernando de Madrid e actualmente exerce como
profesora na Facultade de Belas Artes de Pontevedra. Ten participado en numerosas exposicións nacionais en localidades como Vigo, Pontevedra ou Madrid, e tamén internacionais, en Italia, Rusia e Polonia, ademais de ser autora do libro Serafín Avendaño 1837-1916, sobre o paisaxista vigués do mesmo nome.

A mostra pode visitarse desde hoxe ata o 31 de maio no horario habitual do Museo de Peregrinacións e de Santiago.

Imaxes relacionadas