O titular do Goberno galego participou hoxe na Asemblea do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga)

Feijóo avanza a posta en marcha dunha oficina técnica para dar soporte ás actuacións do proxecto AutoAncora e desenvolvelo de forma óptima

Precisa que esta oficina ofrecerá asistencia ás empresas na preparación dos proxectos para a súa presentación ás distintas convocatorias dos fondos europeos Next Generation; apoio na xestión técnica e administrativa dos fondos de recuperación captados; e unha avaliación continua do impacto xerado polos investimentos

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe a posta en marcha, a través do Igape e en colaboración co Clúster de Empresas de Automoción de Galicia, dunha oficina técnica xestora para dar soporte ás actuacións do proxecto AutoAncora e poder desenvolvelo de forma óptima.

Durante a celebración da Asemblea de Ceaga, Feijóo precisou que esta oficina ofrecerá asistencia ás empresas na preparación dos proxectos para a súa presentación ás distintas convocatorias dos fondos europeos Next Generation; apoio na xestión técnica e administrativa dos fondos de recuperación captados; e unha avaliación continua do impacto xerado polos investimentos.

Nesta liña, o titular da Xunta garantiu tamén o apoio a outros proxectos do sector da automoción presentados ás Manifestacións de Interese, entre os que destacou a iniciativa de mobilidade eléctrica Green Bay, impulsada por Aclunaga, ou as colaboracións entre o CTAG e outros centros, no eido da mobilidade sustentable e automatizada.

Así mesmo, reiterou o apoio que a Xunta vén despregando desde 2009 para impulsar o crecemento e a innovación do sector, reflectido nos programas de formación, así como nas iniciativas postas en marcha a través da Fábrica Intelixente, das Unidades Mixtas e da aceleradora Business Factory Auto. “En total, estamos a falar de máis de 200 millóns investidos”, lembrou.

Ao longo da súa intervención, Feijóo recordou que AutoAncora, “un proxecto deseñado polo sector para o sector”, aposta pola transformación dixital e ecolóxica da automoción; por optimizar os fluxos loxísticos; por aumentar a capacitación dos profesionais; por desenvolver as tecnoloxías do vehículo do futuro -conectado, autónomo e eficiente-; e por crear un laboratorio dedicado á propulsión limpa, a través do hidróxeno, electricidade ou combustibles alternativos.

“Estamos, en definitiva, a falar dunha iniciativa que apoiamos de xeito incondicional e que aspira a mobilizar 1.300 millóns de euros, coa creación de 900 postos de traballo”, dixo.

Sobre este punto, subliñou a extraordinaria resistencia do sector na pandemia: cunha cifra de negocio en 2020 que superou, por primeira vez, o limiar dos 10.000 millóns de euros; cunhas exportacións que marcaron un fito, chegando aos 7.300 millóns de euros; e con 25.000 traballadores.

Feijóo aproveitou a súa intervención para pedir ao Goberno central, en relación ao criterio no reparto dos fondos europeos, “regras iguais para todos e obxectividade na asignación dos proxectos”. “Necesitamos que os fondos europeos se dirixan a todos os españois, con independencia da comunidade onde vivan e quen goberne nela”, abundou.

Por último, o presidente da Xunta aseverou que Galicia non vai renunciar a ningunha iniciativa que propoña a automoción, xa sexa unha fábrica de baterías, “ou a calquera outro proxecto que entre dentro dos intereses de Ceaga ou do sector”.

Imaxes relacionadas