Gonzalo Trenor asiste á entrega dos premios do certame literario Rita Suárez Amado no instituto Eusebio da Garda

A Coruña, 25 de marzo de 2021

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, participou esta tarde na entrega dos premios do certame literario Rita Suárez Amado organizado polo IES Plurilingüe Eusebio da Garda en memoria desta querida alumna.

Na súa intervención destacou “a vontade da familia á hora de preservar a memoria de Rita e puxo en valor o esforzo realizado polo centro educativo na organización, un ano máis, deste concurso grazas ao compromiso e a entrega de todo o equipo directivo, o claustro de profesores e toda a comunidade educativa”.

O representante do Goberno autonómico enviou “unha mensaxe de apoio e esperanza a todas as familias que loitaron e loitan con valentía contra a enfermidade do cancro que, desgrazadamente, levounos a Rita antes de tempo”.

Trenor lembrou a importancia do IES Plurilingüe Eusebio destacando a necesidade de preservar o seu legado e subliñou que “a Xunta de Galicia vai elevar a máis de 2 millóns de euros o investimento na rehabilitación integral desde edificio, todo un referente no ensino en Galicia, que conta con máis de 150 anos de historia, tendo como obxectivo a licitación das obras antes de verán e a súa adxudicación e comezo no último trimestre do ano. Para iso, os orzamentos de 2021 contan xa cunha partida de 600.000 €”.
 

Imaxes relacionadas