O conselleiro do Medio Rural participou no coloquio sectorial organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD)

A Xunta aposta por impulsar o sector agroalimentario desde a sustentabilidade, a transformación dixital e a innovación

José González destacou que será o propio sector o que propoña diferentes proxectos tractores e transversais ao amparo da Manifestación de interese de proxectos autonómicos convocada onte pola Xunta e aberta ata o 16 de abril

Puxo en valor o peso deste eido produtivo, que xunto coa cadea forestal representa preto do 7% do PIB da economía galega, o 8,4% do emprego e máis de 93.000 postos de traballo

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021

O conselleiro do Medio Rural, José González, reafirmou hoxe o compromiso da Xunta co impulso ao sector agroalimentario, co fin de procurar o seu crecemento dentro dos obxectivos de sustentabilidade, transformación dixital e innovación. Fíxoo durante a súa participación no coloquio sectorial organizado pola Asociación para o Progreso da Dirección (APD). Nel, o conselleiro lembrou o peso dos sectores agroalimentarios en Galicia e puxo en valor que xunto coa cadea forestal representan preto do 7% do Produto Interior Bruto (PIB) da economía, o 8,4% do emprego e máis de 93.000 postos de traballo.

Neste contexto, José González sinalou que, con motivo dos fondos europeos Next Generation, “puxéronse enriba da mesa proxectos de carácter innovador e dinámico”. Así, engadiu, a través do Polo para a transformación de Galicia presentado pola Xunta ante o Goberno central “darase resposta a catro grandes retos, como son a transición ecolóxica, a transición xusta, a dixital e a loita contra o despoboamento e o desafío demográfico”. Ademais, o conselleiro salientou que agora, co Plan de Recuperación, transformación e resiliencia, será o propio sector o que propoña diferentes proxectos tractores e transversais ao abeiro desta planificación, para definir as liñas estratéxicas de actuación no rural galego e garantir así a súa eficacia e viabilidade.

Isto será posible ao amparo da Manifestación de interese de proxectos autonómicos convocada onte pola Xunta. Esta convocatoria, de carácter non vinculante, permitirá identificar os interesados en participar nos proxectos impulsados pola Consellería do Medio Rural ao abeiro dese Plan, ao tempo que axudará a definir as liñas estratéxicas de actuación no rural da nosa comunidade. En particular, a través desta convocatoria Xunta busca identificar iniciativas que persigan o desenvolvemento do emprendemento no rural galego, dinamizando demográfica e economicamente as zonas rurais de Galicia, así como a mellora das explotacións agrarias para reforzar a súa sostibilidade ou o impulso á bioeconomía. Tamén se busca promover a transición enerxética como panca de atracción de actividade e poboación a partir da enerxía sostible e accesible, utilizar novos modelos de negocio agroalimentario adaptados á economía verde e á transición ecolóxica e aumentar a produción orientada a produtos baixo selos de calidade diferenciada. A maiores, outra das finalidades é desenvolver proxectos do sector agroalimentario que atendan aos compoñentes principais do Plan de recuperación, transformación e resiliencia.

As Manifestacións de interese de proxectos autonómicos poderán enviarse ata o vindeiros 16 de abril ao enderezo de correo electrónico proxectos.medio-rural@xunta.gal, aportando un breve informe ou documentación adicional que proporcione información relevante sobre a iniciativa e poderase atopar toda a información en:
https://mediorural.xunta.gal/gl/recursos/manifestacion-interese-proxectos-autonomicos

Nesta liña, o titular de Medio Rural salientou que un dos proxectos se enmarca no desenvolvemento dunha biofábrica de fibras téxtiles sustentables, que permitirá pechar o ciclo de transformación da madeira en Galicia, aumentando o valor da materia prima. Referiuse tamén á implementación dos instrumentos recollidos na futura Lei de recuperación da terra agraria -actualmente en tramitación no Parlamento-, para poñer a producir 18.000 hectáreas de terra abandonada e promover 200 aldeas modelo. O conselleiro vinculou estes instrumentos de mobilización da terra, “innovadores e efectivos”, á futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia, que -dixo- permitirán actuar en máis de 500.000 hectáreas de superficie na nosa comunidade autónoma.

Estratexias específicas

A maiores, o titular de Medio Rural indicou que Galicia impulsa estratexias específicas para eidos coma o lácteo -xa en marcha-, o vitivinícola -na que se está a traballar- ou a carne -que se porá en marcha proximamente-, co fin de “fortalecer a súa profesionalización e mellorar a súa rendibilidade”. Incidiu tamén Ademais, recordou que se colabora activamente coas demais rexións da Cornixa cantábrica nunha posición común diante da negociación da PAC, defendendo o sector primario. Neste sentido, o conselleiro falou dun compromiso “transversal”, que se traduce en apostar “por aquilo que fai crecer Galicia”. Todo isto, mediante a mellora das explotacións, para reforzar a súa sustentabilidade; o impulso á bioeconomía; a aposta pola transición enerxética como factor de atracción de actividade e poboación, a partires da enerxía sostible e accesible; a promoción de novos modelos de negocio agroalimentario adaptados á economía verde e a transición ecolóxica e o aumento da produción orientada a produtos baixo selos de calidade diferenciada.

Así, en relación con esta última cuestión, o conselleiro defendeu a aposta da Xunta a prol da calidade, mediante o fomento do que definiu como “a nosa marca persoal como galegos”, Galicia Calidade. Unha forma máis de evidenciar aquelas liñas estratéxicas do sector agroalimentario que atendan aos compoñentes principais do devandito Plan de recuperación, transformación e resiliencia, aseverou.

Imaxes relacionadas