O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias e a directora xeral de Desenvolvemento Rural participaron na Comisión 7ª do Parlamento

A Xunta defende unha xestión sustentable das dexeccións gandeiras que teña en conta as particularidades de Galicia

José Balseiros debullou as medidas do Goberno galego neste eido, como son as axudas para a adaptación do sector, o impulso ao centro de economía circular, o plan de pastos ou a mellora da base territorial das explotacións coa lei da terra

Inés Santé defendeu o rigor técnico na xestión da parcelaria de San Vicenzo de Curtis, en Vilasantar, e explicou que os recursos presentados xa foron resoltos e notificados aos interesados a principios deste mes de marzo
 

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021

A Xunta está a impulsar diferentes medidas a prol da xestión sustentable e eficiente das dexeccións gandeiras, tendo en conta as particularidades do noso agro. Así o explicou hoxe o director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, en resposta a unha pregunta sobre este tema na Comisión 7ª do Parlamento.

Nesta liña, e como medida concreta, o director xeral informou de que o seu departamento vén subvencionando dende o ano 2018, a través dos plans de mellora, a adquisición de cisternas con sistemas de aplicación de xurro (inxector ou depositador).

A maiores, en canto á xestión dos xurros en xeral, José Balseiros sinalou que a Xunta é consciente das maiores restricións que está a adoptar a Unión Europea sobre o particular e que por iso impulsa medidas como a Lei de recuperación da terra agraria, actualmente en trámite no Parlamento e que vai permitir o aumento da base territorial das explotacións. Isto redundará nunha extensificación da produción e, polo tanto, nunha mellor xestión destas dexeccións, aseverou.

Outra medida nesta mesma dirección, segundo trasladou o director xeral, é a posta en marcha do Centro para o impulso da economía circular, que conta cun sistema de xestión integral dos xurros excedentarios, entre outros.

Plan de pastos

Por último, José Balseiros puxo en valor o plan de pastos de Galicia, que tamén incide nesa mellor xestión dos xurros e lembrou que a súa primeira fase vén de rematar, cun investimento de 2,3 millóns de euros e 560 hectáreas de pasteiros executados en montes veciñais en man común. Sinalou ademais que está prevista unha segunda fase, que engadirá outras 1.300 hectáreas, cun orzamento superior aos seis millóns de euros.

O director xeral enmarcou todas estas iniciativas no enfoque sustentable desta cuestión. Recordou, neste sentido, que Galicia presentou diferentes alegacións ao proxecto de decreto estatal de nutrición sostible dos solos agrarios, para que se teñan en conta as particularidades da nosa comunidade e das súas explotacións. Insistiu ademais en que, a xuízo da Xunta, calquera medida neste sentido debe ter unha implantación gradual e adaptada a cada territorio, dentro de España.

Por último, en canto á contaminación por nitratos das augas, o director xeral lembrou que, no caso das bacías intercomunitarias ou internacionais, como é a do Miño-Sil, os órganos competentes son as confederacións hidrográficas. Sinalou tamén que Galicia non ten declaradas zonas vulnerables por este tipo de contaminación, debido a que previamente é necesaria a declaración de masas de auga contaminadas por nitratos, que no caso da Limia debería facer a Administración central.

Parcelaria

Por outra banda, a directora xeral de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, defendeu o rigor técnico empregado na xestión da parcelaria de San Vicenzo de Curtis, no concello coruñés de Vilasantar. En resposta a unha pregunta sobre esta cuestión, aclarou que os recursos presentados xa foron resoltos e notificados aos interesados a principios deste mes de marzo.

Esta reestruturación parcelaria abrangueu unha superficie de 1.112 hectáreas e beneficiou un total de 469 propietarios. Permitiu pasar de 3.666 parcelas a 764 predios, cun coeficiente de redución do 5,5%, segundo explicou a directora xeral.

Imaxes relacionadas