A Xunta comezará a vacinación aos axentes da Policía Local de Galicia durante a vindeira semana

É preciso lembrar que, do mesmo xeito que acontece cos restantes colectivos de profesións esenciais, o ritmo de vacinación estará condicionado pola dispoñibilidade de doses que reciba a comunidade galega

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021

A Xunta comezará durante a vindeira semana a vacinación dos membros da Policía Local dos diferentes concellos galegos, segundo vaian chegando as doses de vacinas que nos últimos días teñen sufrido varios retrasos. Nestes intres, o Servizo Galego de Saúde está a depurar as listaxes recibidas e, unha vez estean dispoñibles estas doses, poderanse recuperar as xornadas perdidas no proceso de vacinación, dado que é a mellor garantía para a nosa saúde individual e o mellor xeito de voltar canto antes á ansiada normalidade.

Neste sentido, está previsto que desde a Xunta de Galicia se dea comezo á vacinación deste colectivo durante a semana que vén pois, nestes intres, estase a vacinar a aqueles grupos nos que xa se iniciou o proceso. Con todo, é preciso que lembrar que, do mesmo xeito que, acontece cos restantes colectivos pertencentes a profesións esenciais, o seu ritmo de vacinación estará condicionado pola dispoñibilidade de doses que reciba a comunidade galega nas vindeiras datas.

Os criterios para a priorización da vacinación fronte á covid-19 foron consensuados a nivel estatal, sendo definidos e aprobados polo Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde mediante unha estratexia común para todas as comunidades autónomas. O Plan Galego de Vacinación fronte á covid-19 adáptase aos criterios establecidos polo Ministerio de Sanidade, onde fica establecida a orde de priorización dos diferentes colectivos esenciais, onde se encadran os membros das Policías locais, ao igual que o resto de Forzas e Corpos de Seguridade do Estado.
 

Imaxes relacionadas