Un informe elaborado pola Consellería de Sanidade conclúe que a magnetoterapia estática é unha pseudoterapia sen resultados no tratamento da dor

Así o sinalou o xerente de ACIS, Antonio Fernández-Campa, no Parlamento de Galicia, no que deu conta da actividade da unidade de asesoramento científico desta axencia

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021

O director da Axencia galega para a xestión do coñecemento en saúde ACIS, Antonio Fernández-Campa, destacou hoxe, no Parlamento de Galicia, os proxectos nos que está a traballar Avalia-t, unidade de asesoramento científico-técnico de ACIS, que se encarga da avaliación de tecnoloxías sanitarias. Tal e como destacou Fernández-Campa, tan so sete comunidades autónomas dispoñen, neste momento, de Axencias de avaliación de tecnoloxías propias.

Segundo o xerente de ACIS, a información elaborada por Avalia-t diríxese principalmente aos profesionais sanitarios e aos órganos xestores do sistema de saúde. Os informes de Avalia-t póñense a disposición dos diferentes actores do sistema sanitario para que sexan utilizados como base na súa toma de decisións, garantindo así a seguridade e a eficiencia das tecnoloxías sanitarias utilizadas no sistema de saúde.

Pseudoterapias

Dentro da actividade de Avalia-T destaca o informe sobre magnetoterapia estática e terapia con ventosas en patoloxía non osteomuscular, no que se sinala que o seu uso non se mostra efectivo no tratamento da dor de calquera etioloxía, polo que non estaría recomendado o seu uso nesta indicación.

Tal e como destacou Fernández-Campa, estamos nuns momentos onde vemos a importancia da evidencia científica e o non caer en informacións sen base ou argumentos negacionistas que trasladan unha versión errónea á cidadanía en algo tan importante como é a protección da saúde.

Destacar, así mesmo, -dixo o xerente de ACIS-, que Avalia-t desenvolveu varios proxectos relacionados coa covid durante o ano pasado, realizando un seguimento semanal das publicacións máis relevantes sobre coronavirus; ademais de informes de recopilación de evidencia relacionados co papel das persoas infectadas asintomáticas e a transmisión do virus; alteracións do ofacto e do gusto; e sobre medidas de prevención e control do risco de diseminación da covid.

Tamén remarcou na súa intervención que a avaliación de tecnoloxías sanitarias ten como fin avaliar precozmente a seguridade das devanditas tecnoloxías para os pacientes, a súa efectividade, que cumpran o obxectivo para o que están pensadas, así como que o seu custo se vexa compensado polas melloras de saúde.

Imaxes relacionadas