O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta en rolda de prensa a nova exposición programada pola Xunta no Centro Galego de Arte Contemporánea

Chega ao CGAC ‘Accións peregrinas’, unha mostra da artista sevillana Pilar Albarracín

Integrada no Festival das artes performativas ‘Plataforma’, poderá visitarse ata o 6 de xuño e haberá visitas guiadas de balde cada fin de semana

A exposición reúne instalacións, vídeos, fotografías e documentación dunha creadora clave na renovación das linguaxes artísticas

Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2021

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolle a partir de mañá a mostra Accións peregrinas da artista sevillana Pilar Albarracín, unha das creadoras clave na renovación das linguaxes artísticas en España durante os anos 90 do pasado século. A exposición foi presentada hoxe no museo polo secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo M. Lorenzo, a propia artista, o comisario da exposición, Iñaki M. Antelo, e o director do CGAC, Santiago Olmo.

Como explicou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, Accións Peregrinas poderá visitarse ata o 6 de xuño e reúne algunhas das instalacións paradigmáticas da artista sevillana, xunto a vídeos, fotografías e documentación que axudan a revelar a condición política e antropolóxica do seu traballo, así como o carácter lúdico e irónico das súas accións. Trátase dunha mostra introspectiva que mostra o sentido conceptual do traballo de Pilar Albarracín, cunha selección das súas obras máis contextuais e instalacións como Muro de xeranios, Formiga ou Teito de ofrendas como núcleo central.

Na exposición tamén se evidencia a implicación da artista coa sociedade do momento, como creadora que participa activamente removendo a tradición e os costumes. Ademais dunha revisión da iconografía e a tradición da cultura española, en Accións peregrinas queda patente un feminismo que reivindica a presenza da muller desde a intelixencia e a provocación, cunha visión marcada pola visceralidade e o humor para romper esquemas dos arquetipos femininos presentes na España das últimas décadas.

Sólida traxectoria

Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Sevilla, Pilar Albarracín despunta no panorama español dos anos noventa como pioneira na formulación de moitas cuestións que logo se converteron en fundamentais, á vez que facía uso da fotografía, a perfomance ou a instalación nun escenario dominado pola pintura e a escultura. O seu traballo puido verse en importantes exposicións, tanto colectivas como individuais, en galerías e museos de todo o mundo.

Como explicou Anxo M. Lorenzo enmárcase nas distintas actividades postas en marcha este ano polo GGAC cunha oferta cultural “variada e completa”, mesturando exposicións con diferentes propostas culturais complementarias. “O noso obxectivo é seguir incentivando o consumo para que a actividade continúe” expresou. Neste sentido, recordou as diferentes accións que permitirán complementar a oferta a esta mostra con percorridos de balde guiados cada domingo con persoal especializado en arte contemporánea ás 12,00 horas. Como peche da mostra, a participación de Pilar Albarracín nunha performance durante a segunda edición do Festival das artes performativas Plataforma, no que se integra.

Programación

Accións Peregrinas súmase ao resto de propostas en marcha no CGAC neste primeiro semestre. Permanecen abertas Pauline Oliveros. Retrospectiva, centrada na música electrónica, e Breaking the Monument, cunha selección de obras de artistas procedentes de contextos culturais moi diferentes que poden visitarse ata o 13 de xuño.

Tamén se pode visitar a exposición Cultivar incertezas. Reformular o espazo/conmocionar a mirada, comisariada por Ángel Cerviño, unha selección significativa de traballos realizados polo alumnado que pasou polas aulas Facultade de Belas Artes de Pontevedra que conmemora o seu 30 aniversario. Neste caso, está aberta ata o vindeiro 23 de maio e reúne pezas dunha trintena de artistas procedentes das diferentes promocións desta universidade.

Imaxes relacionadas