A Xunta adxudica as obras de mellora do firme na estrada autonómica AC-544 ao seu paso polos concellos de Ames e de Brión
Esta actuación, cun investimento de preto de 48.000 euros, comezará nas vindeiras semanas e ten un prazo de execución de 3 meses
A intervención realizarase nun treito de algo máis de 1 km no que o firme se viu deteriorado, especialmente como consecuencia das intensas choivas deste inverno
O Goberno galego continúa traballando na mellora da estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria e mellorar as prestacións aos usuarios
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar as obras de mellora do firme na estrada AC-544, ao seu paso polos municipios de Ames e de Brión.
Este contrato foi adxudicado á empresa Explotaciones Gallegas S.L. e suporá un investimento autonómico de preto de 48.000 euros. Os traballos comezarán nas vindeiras semanas e contan cun prazo de execución de 3 meses.
A actuación levarase a cabo nun treito desta estrada, entre os puntos quilométricos 2+350 e 3+400, no que o firme se viu deteriorado, especialmente como consecuencia das intensas choivas deste inverno.
As obras consisten na rehabilitación do firme deste tramo da AC- 544 de algo máis de 1 km de lonxitude.
En concreto, fresaranse dúas cuñas triangulares na parte exterior de cada carril para dar encaixe a unha nova capa de rodadura. Tamén se estenderá mestura bituminosa en quente como capa de rodadura sobre o firme existente.
O departamento de Infraestruturas da Xunta continúa traballando na mellora da estradas autonómicas coa fin de reforzar a seguridade viaria e mellorar as prestacións aos usuarios.