A Xunta renova o convenio coa Asociación Cans de Salvamento de Galicia para a busca e rescate de persoas desaparecidas

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe as instalacións da entidade, en Ferrol

Ferrol, 25 de marzo de 2021

A Xunta de Galicia vén de renovar o convenio anual que mantén coa asociación Cans de Salvamento de Galicia (Casaga) para a busca e rescate de persoas desaparecidas ou en perigo na zona norte da provincia da Coruña e na provincia de Lugo, aínda que Casaga actúa tamén noutras zonas da comunidade autónoma e mesmo noutros países cando a súa colaboración é necesaria.

O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, visitou hoxe as instalacións da entidade en Ferrol, centro das actividades que realiza esta asociación de voluntarios, encargada da atención, manutención e adestramento dos cans de salvamento, así como da formación dos seus guías, entre outras funcións. A través do convenio, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, dependente da Vicepresidencia Primeira da Xunta, colabora no financiamento destas actuacións e das derivadas das intervencións dos seus equipos caninos na busca, localización e rescate de persoas desaparecidas ou en perigo.

Ademais de intervir nos dispositivos de rescate, Casaga colaborou no 2020 en distintos proxectos coa asociación SOS Desaparecidos e pasou a formar parte, como recurso externo, do Centro Nacional de Desaparecidos, dependente do Ministerio de Interior.

Imaxes relacionadas